24/05/13

Este domingo 26 retomamos o II Roteiro Circular Monte Pindo "para non perderse"

Convidámoste a acompañarnos nun macroroteiro que desenvolveremos o domingo 26 de maio desde as 10:00 horas con saída e chegada na Praza da Solaina (lugar do Pindo, Carnota), retomando a actividade que tivera que ser suspendida hai unha semana polas malísimas previsións meteorolóxicas.

Trátase dun roteiro circular un chisco máis longo dos que vimos facendo de xeito habitual, deseñado para visitar nunha mesma xornada algúns dos puntos máis interesantes da orografía do monte sacro dos nosos antergos, coma o Pico Penafiel, o Castelo de San Xurxo, o Xigante da Mina, a Cova da Xoana ou o Cadoiro do Ézaro coa súa maxestuosa fervenza desde un punto de vista pouco habitual, facendo cumio na Laxe da Moa, visita obrigada.

A asistencia por suposto é libre e gratuita. Os participantes deberán traer o seu xantar, roupa e calzado cómodos e acaídos ás condicións meteorolóxicas do día, e auga.

Con esta iniciativa, a Asociación Monte Pindo pretende ademais instruir aos veciños e visitantes inexpertos nas súas visitas ao Olimpo Celta, e evitarmos os recorrentes episodios de extravíos. Mentras que o Monte Pindo non sexa Parque Natural e por tanto mentras non se corrixan os graves déficits na súa sinalización, a formación é o único xeito de minimizar o risco de perderse, por iso animamos a veciños e visitantes a acompañarnos neste roteiro que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.

En detalle
  • Trazado: Pindo-Moa-Penafiel-Cadoiro-Pindo
  • Distancia: Arredor de 10 quilómetros
  • Duración: 5-6 horas (sen contar paradas)
  • Dificultade: Media
  • Traer xantar e roupa e calzado seguros, cómodos e axeitados ás condicións do día
  • Máis información: www.montepindo.org ou escribenos a info@montepindo.org

22/05/13

Elixidas as 8 comunicacións que enriquecerán as Xornadas de Castros a Castelos

Na data sinalada do Dia das Letras Galegas, a coordinadora das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" reuniuse para valorar a totalidade das comunicacións recibidas ata o prazo límite do 15 de maio, e malia a alta calidade e interese de todas as propostas recibidas houbo que elixir as 8 intervencións que ocuparán o cuarto bloque da programación das Xornadas, que se desenvolverá o domingo 2 de xuño desde as 16:00 horas. Cada unha destas comunicacións durará un máximo de 20 minutos, podendo optar o poñente por esgotar o tempo máximo ou ben dedicar uns minutos finais a atender preguntas do público.
As comunicacións seleccionadas son as seguintes:
  • 16:00 h. "Aproximación á cerámica medieval compostelá. Resultados preliminares do xacemento do Franco 31." Francisco Alonso Toucido (Graduando en Historia pola USC)
  • 16:20 h. "¿Cómo se vivía e cómo se morría na Galiza Romana e Medieval? Unha
  • aproximación á saúde, dieta e vida cotiá dende o estudo dos esqueletes." Dra. Olalla López-Costas (Universidade de Granada)
  • 16:40 h. "Miña terra galega: outros significados do termo terra e a súa importancia na organización do territorio galego medieval" Mariña Bermúdez Beloso (Licenciada en Historia pola USC)
  • 17:00 h. "A presenza militar romana na Gallaecia occidental: novos datos para a súa investigación." Manuel Gago (profesor de CC. da Comunicación, USC) e Antón Malde (arqueólogo)
  • 17:40 h. "Iglesias del noble, castillos de Dios: una introducción a las iglesias y monasterios fortificados en la Baja Edad Media"Pablo Ordás Dïaz (Investigador predoutoral contratado, programa I2C, Departamento de Historia da Arte, USC)
  • 18:00 h. "O Castelo de Soutomaior. Un exemplo de arquitectura militar e de imaxe de poder." Silvia Cernadas Martínez (Licenciada en Historia pola USC)
  • 18:20 h. “A reocupación do espacio urbano romano na época medieval. O caso de Pontevedra: dunha mansio viaria aberta, a unha vila amurada”Antonio Castro Rozados
  • 18:40 h. "O poder do arcebispo: Arquitectura e urbanismo na Compostela Xelmiriana"Javier Castiñeiras López
A coordinadora das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" quere expresar a súa satisfacción por ver cumprido este ambicioso obxectivo de ver enriquecido o programa das Xornadas coa ilusión e as achegas de investigadores que están principiando neste mundo fascinante, e aproveita para felicitar os autores das Comunicacións elixidas mais tamén das que finalmente non poderán formar parte desta edición, recoñecendo en todo caso a alta calidade de todas as propostas e animándoos a volver a participar en futuras ocasións.

17/05/13

Suspéndese o II Roteiro ata novo aviso

A choiva, as escorrentías e a borraxeira non
son boas compañeiras de andaina. Fonte
Finalmente malia a lixeira melloría nas duras prediccións meteorolóxicas para o sábado 18 de maio, día do II Roteiro Circular Monte Pindo "para non perderse", a Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural decidiu suspender ata novo aviso esta actividade.

Lamentamos vernos na obriga de adoptar esta medida para garantir a seguridade dos centos de persoas que xa se interesaran por esta actividade coa que prevíamos incluso superar as máis de 200 persoas que asistiran ao primeiro Roteiro Circular. Agardamos poder anunciar unha nova data en breve na que si se poida realizar esta actividade nunhas condicións idóneas para que todo o mundo disfrute das marabillas naturais, xeolóxicas e patrimoniais do Olimpo Celta da forma que se merecen.

Grazas a todas e todos!

14/05/13

O II Roteiro Circular "Para non perderse" vaise realizar mentras non se comunique o contrario

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, ante a preocupación que está a subscitar as condicións meteorolóxicas previstas para o día 18 e para o desenvolvemento do II Roteiro Circular Monte Pindo "Para non perderse", COMUNICA:


II Roteiro Circular "Para non perderse" vaise realizar mentras non se comunique o contrario

No caso de que se entenda que se darán condicións meteorolóxicas que desaconsellan a súa realización por non garantir as necesarias condicións de seguridade para os participantes, entre as 18:00 e as 22:00 horas do día 17 como límite emitiremos un comunicado na nosa WebFacebookTwitter Correo Electrónico. Pedimoslle a todos aqueles que teñan previsto participar que lembren facerlle unha visita a calquera desas fontes antes de dirixirse ao Pindo o día 18 para descartar a pouco probable suspensión do evento.
Grazas!

06/05/13

«En el monte Pindo estava el Parayso»

O Paraíso Terreal (1610)
Jan Brueghel de Velours - P. P. Rubens 
A nosa incansábel máquina do tempo bibliográfica segue pasando as follas do noso pasado para investigar os secretos que nos revelan todas esas rochas antropomórficas que nos vixilan silenciosas máis atentas cando nos introducimos polos sendeiros do Olimpo Celta.
Na nosa anterior viaxe a través dos séculos, chegamos nada menos que a principios do século XVIII, concretamente ata o 1724, para descubrir no Compendio do estado de Altamira cousas tan alucinantes como que os vapores do río Xallas no Cadoiro orientaban a navegación marítima, ou que había escoltas armados cuxa única función era que o nobre da zona atravesara con seguridade un Pedregal que por aquela e por algo temían; un servizo do que outras figuras da alta sociedade podían aproveitarse tamén, previo abono de dous maravedís.
Agora, rabuñando nas follas gastadas do Arbol chronologico de la provincia de Santiago, publicado polo monxe franciscano e cronista Padre Fray Jacobo de Castro en 1722, averiguamos outra desas verdades que só poden parecer delirios ata que resulta que se nos aparecen impresos en libros.
Trátase da seguinte cita, que só corriximos levemente para preservar o seu encanto orixinal:
Villa, y Convento de San Francisco de Muros. No ay duda que esta Villa fue uno de los puertos mejores, y mas ricos de Galicia, en cuya descripcion se alaba la destreza, y el valor en defender aquella Costa. Oy está esta Villa menoscabada, aunque sus mareantes muy diestros en la nautica para viages de Indias, con cuyo comercio se hizo rica. Conservan el porte de los tiempos antiguos, principalmente las mugeres. Los Pueblos vezinos á Muros se llamaron Clamerianos, donde hizo vida eremitica San Teodoro, Monge que floreció en milagros. Ya huvo quien en la Universidad de Salamanca en unos Quodlibetos, defendió con razones autorizadas, y antiguas tradiciones, que cerca de esta Villa en el monte Pindo, o Pindaro, estava el Parayso.
Esta cita, que puido ser escrita moito antes que a publicación do libro, xa non só fala dun monte sacro como temos visto noutras ocasións, senón do Paraíso, con maiúscula, o arelado ceo terrenal onde serían concedidos ao ser humano virtuoso todos os seus desexos. Bo intento da Igrexa Católica por transformar os cultos profanos nun pequeno gran macizo granítico do corno do mundo que seguía a resistírselles tantos séculos despois, incluso tras serlle imposta a terrorífica condea da excomuñón!
Segundo a cita, a existencia do Paraíso terreal no punto máis alto da Costa da Morte foi documentado e xustificado en textos e nas cátedras da época; e con razóns autorizadas, nada menos. De paso, ata pode deixarnos caer quen foi o eremita da capela ignota cuxos restos se conservan no Monte Pindo desafiando toda a documentación histórica que nada parece poder dicirnos dela. E a todo isto, quen raio son os clamerianos?
É obvio e cada vez máis que precisamos investigacións e estudos serios sobre a historia deste Monte Pindo que nos vai filtrando as súas verdades a contagotas con pouco que rabuñemos a súa superficie. Isto é un chamado sen indirectas ás tres universidades galegas, e a centos ou milleiros de investigadores galegos: Aínda que ninguén osou nunca buscar a verdade, ata agora, está claro que o Monte Pindo é máis que xeneroso con quen si se atreve. Dámoslle ou que?

02/05/13

A asistencia ás Xornadas "de Castros a Castelos" outorgará un crédito de libre configuración da USC

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de recoñecer cun crédito de libre configuración o valor académico das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos", un evento que debullará o 1 e 2 de xuño en Carnota os acontecementos máis importantes que aconteceron no noso País desde os castros ata a revolta irmandiña que rematou cos castelos medievais, a través do estudo dos restos materiais que chegaron a nós centos e miles de anos despois.

Asi, todas as persoas que participen nestas Xornadas e que cursen na USC estudos en calquera das enxeñarías, licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías técnicas e mestres, recibirán un crédito de libre configuración que poderán incorporar ao seu curriculum académico.

Este recoñecemento por parte dunha institución tan fundamental para a confección cultural e científica do noso País chega xusto e cando o aforo máximo do recinto previsto para o evento está a piques de completarse, polo que o incremento previsíbel de inscricións nos próximos días polo atractivo deste crédito pode provocar que o recinto quede pequeno e haxa que pensar noutra localización.

En calquera caso, a organización anuncia que o prazo segue aberto e que se fará todo o que esté na nosa man para que non exista ningunha limitación de prazas que impida que todo aquel que o desexe formar parte deste evento histórico. A ocasión merece o esforzo.

30/04/13

Acto Aniversario do Irmanamento "Monte Pindo, Monte Alto e Palavea, unidos pola mesma Terra"

Andas pola Coruña o sábado? Pois tes unha cita ás 11:30 horas da mañá no Campo de Marte con motivo do aniversario do Irmanamento entre o Monte Pindo e os barrios coruñeses de Monte Alto e Palavea!
Virá tan bonito coma o ano pasado pero moitísimo máis movido: teremos nada menos que aos Tres Trebóns e a Moncho do Orzán!
Vén acompañarnos e poñer o teu gran de area (máis ben, palada de terra) ao pe do carballo que simboliza esta fraternidade. E se reservastes o libro "Versos no Olimpo" mediante a subscrición popular, tamén poderás vir recollelo aquí. Ademais unirémonos na defensa da Biblioteca Veciñal do Campo de Marte, ameazada de peche por unha controvertida decisión do goberno local.
Organizan a Asociación Monte Pindo Parque Natural e a Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules. Colabora Palavea Bravú. Agardámoste!
PROGRAMACIÓN CONTINTUADA DESDE AS 11:30 HORAS, COAS SEGUINTES ACTIVIDADES:
  • CONMEMORACIÓN DO ANIVERSARIO DO IRMANAMENTO COA SEMENTE DUN CARBALLO POLOS VECIÑOS E VECIÑAS
  • PRESENTACIÓN LIBRO VERSOS NO OLIMPO O MONTE PINDO NA POESÍA GALEGA
  • LECTURA EN DEFENSA DA BIBLIOTECA VECIÑAL DO CAMPO DE MARTE
  • ACTUARÁN OS TRES TREBÓNS E MONCHO DO ORZÁN
PRESENTA: XURXO SOUTO