03/10/11

Medio cento de coruñeses suben ao Monte Pindo para que o declaren Parque Natural

O grupo chega á Moa. Foto: Chiara
Rotundo éxito da convocatoria dos colectivos Palavea Bravú, AAVV Montealto e Monte Pindo que posibilitou que medio cento de novas persoas se incorporen ao libro de visitas do Olimpo Celta.

A comitiva caracterizouse por ter xente de todas as idades (desde os dezapoucos ata os setenta e moitos) e tamén procedencias, e malia que a convocatoria é iniciativa dos ditos colectivos coruñeses moitas outras persoas quixeron unirse á comitiva desde lugares moi diversos.

Foto de grupo no cume do Monte Pindo. Foto: Chiara
Entre eles, unha auténtica sorpresa foi coñecer a Chiara, unha moza italiana autora do coñecido blog italogalego La Mia Galicia e que leva dedicado todo o verán a coñecer a costa galega, de norte a sur. Dentro das súas visitas non puido faltar o Monte Pindo, que coñeceu por primeira vez en solitario, pero ao que quixo volver pouco despois acompañada por persoas que coñeceran os recovecos e a historia deste monte, para o que se puxo en contacto coa nosa Asociación, da que xa é destacada membro.

Pepe do Fieiro. Foto: Chiara.
O mellor anfitrión posíbel para a visita tivémolo claro, e Pepe do Fieiro, que con case oitenta anos segue a ser o maior coñecedor vivo do Monte Pindo (pois pastoreou nel a maior parte da súa vida), agasallou á comitiva coa súa presenza e infinda sabiduría popular.

A representación local de Monte Pindo Parque Natural, asi como todos os amigos e amigos que non quixeron perderse a xornada, recibiron ao autobús coruñés no lugar do Fieiro preto das once da mañá, desde onde xa tomaron o ascenso ao Pindo que puido completar en pouco máis dunha hora. Ao coroar os 627 metros da Laxe da Moa (o punto máis alto do Monte Pindo), o grupo despregou faixas para reclamarlle á Xunta de Galicia de Núñez Feijóo a inmediata declaración de Parque Natural para o Monte Pindo, reclamación que cada vez máis é un clamor que se non é escoitado é porque alguén das altas esferas non quere que asi sexa.

Xantar nas Cortes. Foto: Chiara
A continuación xantouse nas Cortes da Moa, onde o alcalde de Carnota Ramón Noceda, que visitaba a zona en compaña duns amigos, acompañou ao grupo. Logo do xantar e do merecido descanso, e tras visitar as ruinas da ermida do Monte Pindo e a inscrición achada recentemente no lugar, o grupo partiuse en dous: os máis intrépidos dirixíronse á Cova da Casa Xoana e posteriormente a visitar o Penafiel coa súa excomuñón recentemente vandalizada, e os que preferiron a camiñada máis suave e recreativa ata o Chan da Mina e o Xigante do Monte Pindo.

Casa Xoana. Foto: Chiara
Reunida de novo a comitiva no Fieiro hacia as 18:30, aínda unha nova sorpresa lle agardaba: a visita e foto na espectacular fervenza do Ézaro, onde Pepe do Fieiro nos alumeou cunha nova lenda transmitida polos seus antergos e pouco antes contada: o río Xallas rodeaba antigamente o Monte Pindo ata desembocar na praia de Carnota, en Caldebarcos. Só un terríbel sismo modificou o seu curso ata caer en fervenza no Coaduiro como o vemos hoxe, o que explica o escarpado do seu transcurso.

Por último, as representacións dos tres colectivos intercambiaron camisolas de cadanseu colectivo e sacaron unha foto de grupo que sela unha amizade que -agardamos-poida seguir dando de si no futuro próximo.

Desde a Asociación Monte Pindo queremos facer un agradecemento a todos e cada un dos integrantes desta comitiva: Aos socios e socias de Palavea Bravú e da AAVV Atochas - Torre de Hércules - Montealto; aos veciños e veciñas da zona que se quixeron incorporar ao roteiro; á conductora do autobús pola súa destreza nunha rede viaria tan esixente; a Chiara, polo seu inmenso amor a Galicia e ao medio; a Pepe do Fieiro, por seguir sendo para nós unha auténtica biblioteca vivinte doutros tempos que sen el estarían olvidados; a Alcampo e o Concello de Carnota, pola súa colaboración. E, sobre todo, a todos e cada un dos galegos e galegas que entenden que o noso medio natural é algo que merecemos disfrutar, pero que tamén merece ser protexido. A todos, grazas. Monte Pindo, Parque Natural!