31/12/11

E para o ano 2012... chegou a hora de actuar

Agustín Hernández, conselleiro e
responsábel da (non) declaración
do Monte Pindo como parque natural
Levamos un ano e dous meses esixindo da Xunta de Galicia a declaración de Parque Natural do Monte Pindo, e se ben cada vez nos atopamos con menos barreiras e máis apoios na sociedade e entre os sectores implicados, a inxustificada negativa inicial da administración responsábel da dita declaración, a Consellería de Medio Ambiente e do seu máximo dirixente, o conselleiro Agustín Hernández, non variou nin un ápice nese tempo.

O cambio de ano convídanos a todos, veciños e axentes sociais, a reflexionar sobre que novos retos afrontamos e, sobre todo, cara onde debemos encamiñar os nosos esforzos de xeito que nos acheguen cada día un pouco máis ao noso obxectivo principal: o coidado e a protección do Monte Pindo, para que repercuta na mellor calidade de vida de toda a sociedade.

Dado que o noso intenso traballo como Asociación -sen termos recibido nin un só euro en axudas públicas de ningún tipo- non mereceu a máis mínima atención por parte dos dirixentes da Consellería de Medio Ambiente, chegou a hora de facerlles visibilizar a nosa reivindicación dun xeito moito máis directo: mediante unha recollida de sinaturas que lles lembre cada día do ano que aquí estamos, aquí seguiremos e que ante todo non imos desfalecer nin rendirnos por moito que nos ignoren.

A partir do día 1 de xaneiro, e durante os 366 días do ano 2012, terá lugar a recollida de sinaturas mediante un formulario na nosa páxina adscrito ao servizo Actuable.es. O programa, ademais de recontar os apoios individuais que poden chegar de todo o mundo, reenviaralle ao gabinete do señor Agustín Hernández unha copia do escrito polo que se lle esixe que tome en consideración esta iniciativa para a arelada protección do Monte Pindo.

Sexan ducias, centos, ou miles de sinaturas, que sirvan para percutir cada día nas consciencias de quen nos ignora lembrándolles cada día que neste punto recóndito da xeografía galega, envoltos polos ventos e a borraxeira do Monte Pindo, existimos e loitamos por unha causa xusta. Adiante!