11/04/13

Cúmprese un ano da Manifestación polo Parque Natural sen avanzos na declaración

Imaxe: QPC
O 14 de abril cúmprese un ano da mobilización que reuniu en defensa do Monte Pindo a medio milleiro de persoas (segundo a Garda Civil). A pesar do tremendo temporal que aquel día asolou as nosas costas, varios centos de valentes que desafiaron os elementos para pedir unha cousa moi sinxela e realista: que a Xunta declare o Monte Pindo Parque Natural, tal e como solicitaron tamén ducias de especialistas e investigadores, máis dun cento de entidades sociais de todo tipo e moitos milleiros de persoas a nivel individual. Lamentabelmente en todo este tempo non se produciu nin un só avanzo significativo na declaración desta figura de protección para o Olimpo Celta.

Só uns meses antes daquela importante mobilización en respaldo desta iniciativa, unha das maiores manifestacións da historia de Carnota malia as inclemencias, víñamos de manter unha reunión co conselleiro da CMATI Agustín Hernández, que a nosa Asociación valorou como moi positiva pois aprezáramos no máximo responsábel da declaración de Parque Natural boa vontade e mesmo disposición a facelo efectivo. Porén o tempo foi transcurrindo e non se volviu a saber moito máis. Rematou a lexislatura e despois das eleccións Hernández, que recunca no cargo no novo mandato, tampouco moviu ficha. Por iso antes do pasado nadal solicitamos formalmente unha nova reunión á CMATI, e tras de 3 meses sen resposta reiteramos esa petición, recibindo esta vez un requerimento de documentación como resposta.

Imaxe da reunión mantida co conselleiro no 2012
Neste tempo denunciamos que en dez anos a Xunta non declarou ningún novo parque natural, figura que se viu substituida de facto por unha figura, a Rede Natura 2000, que xera serias dúbidas entre a sociedade polos seus escasos efectos reais sobre a protección do medio ambiente e as trabas ao desenvolvemento substentábel dos pobos nos que se implanta. Ao mesmo tempo, vimos constatando un continuado incremento das agresións de diversa natureza ao Monte Pindo motivadas polo aumento das visitas e sobre todo pola total falta de vixilancia e control, un dos problemas que poderían atallarse de inmediato coa declaración do Parque Natural.

Afortunadamente, esta segunda reunión por fin parece estar próxima. De feito a pasada fin de semana a Comisión Rectora (máximo órgano colexiado da Asociación) designou unha representación para esta xuntanza. Agardamos poder dar boas noticias en breve, e confirmar que as boas palabras do conselleiro ademais eran sinceras.