O goberno local de Carnota cumpriu a súa ameaza de "clausurar" os camiños de Penafiel, coa colocación de varios sinais nos seus accesos.
Isto acontece despois da furibunda reacción do executivo contra a nosa entidade por denunciar xustamente que o Concello tiña intención de "pechar" camiños do Monte Pindo en vez de limpalos, inaudito anuncio que lanzaba nos medios de comunicación despois de varios extravíos. O goberno acusounos daquela de "fake news", só semanas antes de facer realidade o anuncio colocando os sinais.
A Asociación Monte Pindo dubida sequera de que o uso destas sinais sexa legal, pois emprega arbitrariamente a sinaléctica normalizada internacional para rutas de sendeirismo, que non é de uso libre a quen lle pete senón que debe promoverse dun xeito e por unha entidade autorizada. Esta sinaléctica nunca se despregou no Olimpo Celta do xeito normativo, agás este uso esporádico e cando menos alegal.
A rocambolesca xestión dos reiterados e preocupantes extravíos de sendeiristas no Olimpo Celta por parte do executivo, que no noso entorno xa escoitamos calificar de "ridículo" e "despropósito", asi coma a deliberada negativa a desenvolver as ansiadas e necesarias medidas de limpeza, motivou que se leve este tema a debate no Pleno municipal.
Poucas causas aglutinaron nas últimas décadas tantos apoios no tecido asociativo galego como é a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, que superaron esta semana as 200 entidades, fito alcanzado coa adhesión da Fundación Universidade da Coruña.
A captación deste tipo de apoios é, estatutariamente, unha das prioridades da Asociación Monte Pindo Parque Natural. E a súa acción este eido só pode calificarse de exitosa: desde a última Asemblea Xeral, que tivo lugar en novembro de 2012, os apoios colectivos incrementáronse un 111,34%, é dicir, o ritmo de adhesión non só non se enfriou con respecto á novidosa irrupción da nosa entidade no panorama, senón que aínda se dispararon.
Ademais, estes apoios proceden dos sectores máis variados. Aparte do agardado apoio das entidades relacionadas co ecoloxismo, produciuse a incorporación da totalidade das organizacións que funcionan no entorno do Parque Natural, incluíndo as propietarias do territorio afectado, o Concello de Carnota e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Caldebarcos - San Cibrán. Ademais, recollemos multitude de apoios científicos e académicos, de organizacións deportivas e culturais... pero tamén do tecido empresarial, destacando a adhesión da totalidade das organizacións patronais que operan no ámbito comarcal da Costa da Morte. En total, a día de hoxe son 205 as organizacións sociais que nos teñen apoiado.
Neste mesmo tempo, nin unha soa asociación se ten pronunciado en contra da idoneidade da figura do Parque Natural como resposta ás problemáticas medioambientais do Monte Pindo de xeito que repercuta na mellora da calidade de vida da veciñanza, coa única excepción do Partido Popular, que empregou a súa maioría absoluta para tumbar a iniciativa ata en catro ocasións no Parlamento.
O gran volume de apoios colectivos de organización que representan a moitos miles de persoas, apuntalan unha loita que podería finalizar con éxito moi pronto.
A Universidade da Coruña (UDC) acaba de comunicarnos a súa adhesión oficial á iniciativa para a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. O acordo, trasladado á nosa entidade polo seu secretario xeral Carlos Amoedo, adoptouse no Consello de Goberno o pasado 27 de outubro.
Contido do acordo
A UDC convírtese asi na primeira das tres universidades galegas que apoia oficialmente a declaración do Parque Natural, aínda que agardamos que en breve o fagan tamén a USC e a UVIGO que o tratarán proximamente nos seus órganos de goberno. A nivel individual xa teñen apoiado unha trintena de académicos das tres institucións asi coma varios grupos universitarios.
A Asociación Monte Pindo celebra esta adhesión crucial para a loita do Parque Natural que para nós supón un recoñecemento a cinco anos de traballo e que nos permitirá colocar o emblemático logo da prestixiosa universidade herculina na portada das nosas iniciativas. Asi mesmo agardamos que o acordo sente as bases dunha futura colaboración co colectivo de defensa do Olimpo Celta en diversas iniciativas de recuperación e posta en valor do Espazo Natural Protexido.
"A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), en reunión da sua Xunta Reitora, celebrada o dia 30 de Xuño de 2012, ACORDOU Apoiar a declaración do Monte Pindo como Parque Natural".
Con este escueto correo que nos enche dunha ledicia inmensa, o presidente Xosé Alfredo Pereira Martínez comunicounos esta semana que o Parque Natural do Monte Pindo xa é causa común dos implicados máis directos nos montes galegos, o conxunto dos seus usuarios. Un impulso xigante, poderíamos dicir definitivo, para que a Xunta faga efectiva dunha vez a tan arelada protección do Monte Sacro dos nosos antergos.
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), é unha organización de ámbito galego creada por e para as comunidades de montes veciñais. Os seus obxetivos radican na defensa dos montes veciñais en man común desde unha óptica baseada na titularidade de caracter xermánico; é dicir, que a titularidade sexa veciñal e comunitaria, non pública nin privada. Outro obxectivo é, por suposto, a posta en valor dos montes veciñais de xeito multifuncional e sustentabel, pensando no beneficio da veciñanza comuneira e das maiorias sociais do noso País.
Nesta ocasión o apoio comunicóunolo o arqueólogo, académico e profesor Laureano F. Carballo, xusto tras obter o visto e prace do Decano do IGEC, o reputado doutor André Pena Granha, que "se amosou encantado coa iniciativa". Tanta ilusión debeu subscitarlles a idea, que nun lapso (ou non) o que nos transmitiron foi o apoio á "declaración do Monte Pindo como Parque Nacional". Tampouco debe sorprendernos, pois hai case cen anos o goberno central xa tivo a mesma idea. Bromas aparte, Carballo remata a feliz misiva desexando que "ogallá moi cediño o espazo natural e mitolóxico do Parque sexa unha realidade patrimonial protexida e recoñecida".
Asi será con apoios tan importantes coma o do IGEC, instituto que nace no 2009 para promover a investigación multidisciplinar no campo dos Estudos Célticos en Galiza, norte de Portugal e Europa Atlántica, con especial énfase nos chamados Países Celtas e xentes de orixe celta. O IGEC tamém difunde o coñecemento xeral da historia, cultura e sociedade galegas, o intercambio académico e científico e mesmo ofrece servizos de consultoría e asesoramento en áreas como a educación, xestión do patrimonio, promoción turística, etc.
Pan de Raposo Malia a escasez de organizacións na Costa da Morte dedicadas en exclusiva á micoloxía (estudo dos cogumelos), este colectivo non quere quedar alleo da reclamación cidadá. Pan de Raposo transmítenos desde Cee a súa adhesión á proposta para declarar o Monte Pindo como Parque Natural. E non podía ser doutro xeito dado que habitualmente organizan saídas ao Monte Pindo para abraiarse coa multiplicidade de fungos que alí se atopan en determinadas épocas do ano, e contando con 4 especies protexidas dentro deste reino.
Ademais das excursións específicas á procura destas xoias naturais, Pan de Raposo tamén organiza convivios entre os amantes desta afición na bisbarra e desenvolve as Xornadas Micolóxicas Costa da Morte, que este ano celebraranse por vez 12ª, asi como exposicións e publicacións para a divulgación da micoloxía, incluíndo un boletín.
Despois dun paréntese pola recente Manifestación, seguimos recibindo multitude de apoios para instar a Xunta a declarar o Parque Natural do Monte Pindo. E a cada un deles debemos darlle as grazas máis sinceiras por incorporarse a unha causa que só pretende que a protección do noso medio natural sexa máis efectiva e útil para que a xente de Carnota e do seu entorno teña máis oportunidades e a súa calidade de vida sexa un pouco mellor cada día.
Asociación Ambiental Senda Nova Outro colectivo de Carballo, que esta fin de semana nos acompañou cunha comitiva na Manifestación, incorpórase así á reivindicación pola protección e o desenvolvemento do Olimpo Celta.
A Asociación Ambiental Senda Nova é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter cultural, ambiental, deportivo e prestadora de servizos a mocidade. Conta cunha importante traxectoria no deseño de roteiros pola Costa da Morte e bisbarra asi como actividades conmemorativas de datas como o Día da Árbore, o Día das Montañas, e xornadas de sensibilizaciónque chegan ata Asturies. Desde aquí saudamos unha colaboración que sen dúbida traerá moitos e bos frutos.
AC Mar de Muros
A Asociación Cultural Mar de Muros adire-se á demanda de declaración do Monte Pindo como Parque Natural e participa con vos na defensa do noso património, quer natural (Monte Pindo) quer material e imaterial (navegación tradicional e cultura mariñeira), que é o noso ámbito de traballo. Adiante!
Desde o noso veciño concello do sur recibimos a adhesión dun dos colectivos máis interesantes e activos: A Asociación Cultural Mar de Muros destácase pola súa labor na recuperación da memoria mariñeira tradicional, coa celebración de varios encontros de embarcacións tradicionais na baía muradana asi como as Xornadas da Cultura Mariñeira, que camiñan cara a súa 8ª edición. No 2009 este traballo pola posta en valor da cultura mariñeira culmina coa recuperación dunha embarcación tradicional das que non hai tantos anos estaban cheas as nosas costas, a buceta, por suposto bautizada como Mar de Muros.
AC Monte da Estrela
No verán de 2008, preocupados polo que consideran o ocaso da cultura tradicional do seu concello pola industrialización, nace en Arteixo a Asociación Cultural Monte da Estrela, unha entidade que xurde "como solución para reconstruir esta débeda co pasado". Para cambiar a situación e conseguir que Arteixo comece a potencializar o seu patrimonio cultural, chaman a unirse para salvar un legado que consideran abocado a perderse: inmobles e obxectos mobles de interese artístico, histórico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico, o patrimonio documental e bibliográfico os xacementos e zonas arqueolóxicas e os sitios naturais, xardíns e parques de valor artístico, histórico ou antropolóxico. Loita que extenden agora ao non tan lonxano Monte Pindo apoiando a súa declaración como Parque Natural.
AERCEGSA
A Asociación Española para la Recuperación, Conservación y Estudio del Gusano de Seda Autóctono, remítenos por voz do seu presidente Francisco Xavier Jurado Torres, descendente de galegos, a adhesión dun colectivo de ámbito estatal que desde hai un tempo dedica os seus esforzos á entomoloxía e máis concretamente á recuperación da tradición sericícola e dos especimes autóctonos do verme da seda (Bombyx mori, Morus alba e Morus nigra). Esta tradición desapareceu a mediados do século XX mais arráigase ata os florecentes tempos dos intercambios comerciais en Al-Andalus. Un grupo de entendidos e afeccionados a esta especie négase a deixar desaparecer unha actividade que ata hai relativamente pouco tempo alimentaba moitas familias. Desde o Olimpo Celta desexámoslle a nosa maior sorte das sortes para ese obxectivo tan noble.
APEM
Cando recibimos un apoio deste tipo é cando nos decatamos canto temos que agradecerlle a moitos colectivos sociais cuxo traballo case invisíbel axudan día a día a crear unha sociedade moito mellor para todas e todos. Este é o caso da Asociación Pro-Enfermos Mentais (APEM), que dedica os seus esforzos á plena integración e mellora da calidade de vida das persoas que sufren algún tipo de discapacidade psíquica.
O seu abano de actividades dirixidas a este sector da poboación vai desde o apoio ao acceso ao emprego e á vivenda, a autoaxuda para desenvolveren unha vida diaria o máis normalizada posíbel ou a realización de actividades de lecer e estímulo.
Temos que anunciar que ademais do seu apoio á declaración de Parque Natural, APEM considera que todo o que o Monte Pindo representa supón unha temática idónea para desenvolver certas actividades para as persoas que atenden, asi como a participación nunha charla-debate no programa de radio que os rapaces e rapazas de APEM desenvolven cada mércores en Radio Nordés. Agardamos que axiña poidades ver os resultados desta colaboración.
Charanga Tabernícolas do Leiradal
Como ía faltar o apoio dos máis festeiros! A Charanga Tabernícolas do Leiradalradica a súa base de operacións no Leiradal (Lariño) a cabalo entre os concellos de Muros e Carnota, desde onde organizan o asalto musical de toda xuntanza popular que se preze a golpe dos seus ritmos deseñados para poñer a bailar ata aos máis reticentes. Non podemos deixar pasar a ocasión para rescatar unha desternillante parodia gravada con motivo das Canle Nius da AC Canle de Lira, e protagonizada polo tabernícola Pepe Sacau para saudar desde o alto do Monte Pindo a independencia de Montenegro en 2006.
CES
O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) leva desde o 1988 defendendo a natureza da comarca do Salnés. Desde entón, levan sen parar desenvolvendo iniciativas de protección, aprezación e divulgación dos valores da zona tales como fiscalización das actuacións con repercusións negativas no medio, propostas para solucionar problemas ambientais, recollida de datos sobre flora, fauna, e litoral, programación mensual de actividades de coñecemento do medio, recuperación de aves feridas, campañas e charlas divulgativas ou a edición de publicacións específicas sobre o medio ambiente do Salnés. Este novo apoio consolida o importantísimo respaldo que temos recibido de todo tipo de colectivos das Rías Baixas.
CIG O apoio da Confederación Intersindical Galega (CIG) á declaración do Parque Natural do Monte Pindo é un tremendo sualto cualitativo e cuantitativo para a nosa demanda, pois significa a adhesión da asociación máis grande de Galiza con máis de 80.000 afiliados e afiliadas. A central sindical nace como tal no ano 1994 coa fusión da INTG e da CXTG, e desde aquela foi medrando ata lograr ser no 2007 o segundo sindicato galego en nº de delegados e acadando a consideración xurídica de sindicato máis representativo. Conta con estrutura orgánica en todas as comarcas galegas ademais dunha estrutura federativa que abrangue todos os sectores da actividade laboral.
Na manifestación do 14 de abril estivo representada polo seu secretario local Xabier Santos.
Fundación Gonzalo López Abente
A muxiana Fundación Gonzalo López Abentenaceu no 2010 para dar a coñecer a vida e a obra de López Abente asi como de outros escritores e poetas na nosa lingua. Acaba de ser declarada de interese galego para premiar o seu traballo pola dinamización cultural de Muxía e o seu entorno, que culminou coa publicación de Bretemada, obra poética inédita deste autor que foi das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e mesmo presidente da AELG (da que por certo recibimos recentemente o apoio). A súa prolixa carreira viuse literalmente depurada por un golpe de estado franquista que lle custou a súa carreira xudicial pero que non foi quen de cercenar o seu compromiso coas nosas letras, o que lle valeu a dedicatoria do Día das Letras Galegas en 1971.
Fundación Sen Esquencer
A Fundación Sen Esquencer radícase no Val do Dubra desde onde dedica os seus esforzos á preservación da memoria social, cultural e o entorno ecolóxico. Declarada de interese galego no ano 2007, comunicounos o apoio o seu presidente Fran del Buey, non sen esquecer a última excursión organizada polo seu colectivo na que "case nos come a néboa". Agardemos que, coa súa axuda, se rematen disipando todos os neboeiros que nos separan do noso obxectivo de ver un Monte Pindo máis coidado, desenvolvido e aproveitado para o beneficio de toda a sociedade.
Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia
O Consello Regulador da Castaña de Galicia conseguiu no 2009 algo que non hai tantos anos parecía unha utopía: a protección e posta en valor dun ben medioambiental de primeiro orde, como son os castiñeiros e as castañas, de xeito que repercuta na mellor calidade de vida dos que desenvolven a súa actividade arredor destas árbores. Máis ou menos o mesmo que pretendemos na Asociación Monte Pindo: eles conseguiron a súa Denominación de Orixe, e nós queremos conseguir o Parque Natural. E non se pode dicir que lles fose mal, polo que din: foi unha verdadeira lotaría para os 13 produtores acollidos á IXP (entre produtores, distribuidores e procesadores) e sobre todo para o medio natural. Agardamos poder compartir o secreto do seu éxito, coa súa inestimábel axuda mediante a adhesión aun Parque Natural que beneficiará a toda a cidadanía sen distinción.
Parque Natural de la Breña y Marismas de Barbate
Desde terras andaluzas chegounos o primeiro apoio desde un parque natural o propio día da Manifestación, o do Parque Natural de la Breña y Marismas de Barbate (Cádiz), demostrando que o amor polo medio natural e o Olimpo Celta non entende de fronteiras nin latitudes. Convidámosvos a descubrir este parque gaditano declarado en 1989 con máis de 5 mil hectáreas que comprende o maior piñeiral da provincia, sementado para frear o avance das dunas móbiles. E ao igual que o Monte Pindo, tamén conta cunha torre, a del Tajo, para vixiar as costas das invasións marítimas.
Pensión Rústica A Laxe Sen dúbida unha das futuras xoias do Parque Natural será este punto de descanso para os seus visitantes. A Pensión Rústica A Laxe é unha fermosa casa tradicional do Pindo restaurada e posta a disposición de quen queira achegarse a coñecer o noso entorno, ou simplemente pretenda desconectar por uns días da rutina diaria. Conta con 3 habitacións bautizadas bucólicamente Monte, Mar e Río: a primeira ofrece unha vista da ladeira do Monte Pindo, a segunda amosa a paradisiaca praia de San Pedro e a terceira descolga a ollada do visitante sobre o ora bravo ora calmo Rego da Laxe. O seu apoio, que se suma ao conxunto do sector turistico da Costa da Morte representado en APTCM, confirma que desde este sector confían en todas as posibilidades que o primeiro parque natural da Costa da Morte ofrecerá para o desenvolvemento da bisbarra.
PSdeG-PSOE Por último en orde, que non en importancia, chéganos o apoio do Partido dos Socialistas de Galicia, o PSdeG-PSOE. Un apoio que tivemos claro que resultaba para nós fundamental desde os primeiros pasos da nosa andaina, pois representa nada máis e nada menos que a segunda forza política do arco parlamentar galego en número de votantes. Aínda que o responsable carnotán Suso Campos desculpou a asistencia á manifestación do 14-A por contar cun compromiso ineludíbel, transmitiunos que contamos co seu apoio, respaldo que tamén nos prestou José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría, ou Francisco Caamaño, entre outros referentes socialistas.
Grazas a este apoio hoxe podemos dicir que o respaldo da clase política galega é case unánime, pois só resta o do Partido Popular. Agardamos que axiña este último escollo quede superado, pois en breve volveremos reunirnos con Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para facerlle entrega da actualización do documento polo que pedimos que declare o Parque Natural do Monte Pindo asi coma o listado de apoios, cousa á que nos emprazou na última xuntanza que mantivemos.
Outra batería de 8 novos apoios á creación do Parque Natural do Monte Pindo no que vai de semana lémbrannos o cada día maior respaldo co que conta a nosa reivindicación entre todos os sectores. Mais concretamente un deles sérvennos para poder anunciar a adhesión unánime dun colectivo tan crucial da nosa comarca como é o dos representantes do tecido económico e produtivo.
Asociación de Empresarios Costa da Morte
Tras FECOM, o apoio da xoven Asociación de Empresarios Costa da Morte completa a adhesión á nosa proposta por parte do conxunto do empresariado dunha comarca que, sen dúbida, verá nacer en breve o seu primeiro Parque Natural, en vista da cantidade e calidade dos respaldos á iniciativa.
A entidade nace en Vimianzo no 2009 en resposta polos elevados prezos que Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) impuxo ao metro cadrado de chan empresarial no novo polígono da comarca, dificultando o asentamento de novas iniciativas empresariais e por tanto dinamización do tecido económico, a pesar da necesidade acuciante de novo chan industrial na Costa da Morte. Asi, dous anos despois, o dito polígono segue sen un só metro cadrado a producir, nunha nova mostra de que os proxectos feitos de costas aos directamente afectados só poden conducir ao fracaso.
A Asociación Monte Pindo desexa que o apoio xa unánime do tecido económico da Costa da Morte convenza definitivamente á Xunta de que o Parque Natural do Monte Pindo só pode atraer beneficios á nosa comarca.
Asociación Galega de Custodia do Territorio
Fundada en Rábade (Lugo) no 2008, a Asociación Galega de Custodia do Territorio transmítenos o apoio da súa Xunta Directiva en base non só á valoración positiva da nosa reivindicación senón que tamén por "como está sendo capaz de aglutinar sectores sociais moi diversos e habitualmente enfrontados no que se refire á declaración de espazos naturais protexidos".
A pouca idade do colectivo pode levar a equívocos, e desde a Asociación Monte Pindo consideramos que ten moitísimo que dicir a respecto do desenvolvemento substentábel do noso medio ambiente. E é que a custodia do territorio é unha filosofía que leva décadas en boga en todo o mundo. Cconsiste, fundamentalmente, en que a sociedade civil tome parte activa e directa na recuperación e posta en valor do territorio, en termos de aproveitamento dos recursos sobre o respecto co medio natural. Na práctica, e asi no-lo teñen dito en outras ocasións, asociacións como a nosa ou Rainha Lupa xa somos dalgún xeito entidades de custodia do territorio, se ben o concepto pode desenvolverse moito máis chegando incluso a acordos cos propietarios das terras para beneficio de toda a sociedade, como no exemplar caso de Ridimoas, entidade pioneira deste xénero en Galiza.
ASC O Iríbio (Triacastela)
Se estamos levando algunha sorpresa moi positiva nesta andaina é que a forza para acadarmos os nosos obxectivos chéganos desde os sitios máis inesperados. A adhesión da Asociación Socio-Cultural O Iríbio viaxa desde Triacastela, no interior da provincia lucense tan coñecido polos seus sismos, ata o Monte Pindo carnotán, un macizo granítico onde os sismos foron, precisamente, cruciais para a súa complexión tan característica.
En O Iribio queren destacar que este apoio débese a que "a privilexiada situazón do Monte Pindo conforma un conxunto extraordinário, ao estaren ao seu pé tanto a fervenza do Ézaro como a praia de Carnota", e é por iso que aseguran que "a criazón do Parque Natural é o mellor xeito de pór en valor este património", pois consideran que o futuro do medio rural só existirá "paralisando a emigrazón para a cidade e a perda de actividades e ofícios tradicionais, e ao mesmo tempo xerando novas posibilidades económicas, coa importáncia de posibilitar a revitalizazón da zona nestes tempos de crise.". Queda claro que en O Iribio comparten plenamente a filosofía da Asociación Monte Pindo, e é por iso que estamos seguros de que neste colectivo atopamos, máis que un aliado, un verdadeiro compañeiro de camiñada.
Árbore
Consumo Consciente Árbore é un proxecto empresarial pioneiro nacido en 2001 que ten como causa social a asociación de consumidores/as nunha Sociedade Cooperativa Galega, coa finalidade de conquerir entre eles/as productos ecolóxicos coa mellor relación calidade-prezo, coma parte dun proxecto socio-económico enmarcado nos principios dunha economía social e solidaria.
Federación Ecoloxista Galega
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) é a maior federación do ámbito ecoloxista do noso País, pois aglutina desde 1996 a 18 dos grupos ecoloxistas galegos máis fortes e activos, algúns dos cales xa se adheriran individualmente e outros aínda non o fixeran.
Segundo nos comunica o seu coordenador, Anxo F. Saborido, FEG tamén quere estar ao lado dos veciños do Monte Pindo pedindo a declaración do parque natural, co desexo de que o esforzo teña un resultado positivo.
Foro Social de Cangas
Outro impulso colectivo á declaración de Parque Natural do Monte Pindo procede do Foro Social de Cangas, unha entidade que se destaca pola súa loita cívica contra o expolio do patrimonio e a natureza da localidade morracense, e en particular da loita en defensa da histórica conserveira Massó e do paraxe do Salgueirón pola presión urbanística.
Sociedade Galega de Ornitoloxía
A Sociedade Galega de Ornitoloxía fundouse en Compostela no ano 1999, a iniciativa de varios ornitólogos galegos que vían interesante a creación dunha asociación dedicada exclusivamente á observación, estudo e conservación das aves silvestres e dos seus hábitats, asi como a divulgación entre a sociedade galega dos seus coñecementos e tamén o respecto e a paixón polas aves.
Algúns dos froitos máis importantes do gran traballo deste colectivo é o Congreso Galego de Ornitoloxía ou a edición do Anuario das Aves de Galicia, asi como a organización de charlas, ponencias, saídas ao campo e grupos de traballo, ou a edición de numerosas publicacións específicas.
A Xunta Directiva deste importante colectivo decidiu esta fin de semana adherirse á petición do Parque Natural do Monte Pindo, non sen antes transmitirnos que desexan que este espazo natural non sexa o último que obteña a protección.
Partido da Terra
Joám Evans Pim, secretario xeral do Partido da Terra, tamén nos constatou o apoio inequívoco á declaración de Parque Natural do Monte Pindo por parte desta entidade política con sede en Rianxo que asume os principios de pluralidade, democracia directa e participativa, e sobre todo servizo á terra, no local e no global, que parta dunhas condutas éticas e conscientes de cara á substentabilidade planetaria e o dereito dos pobos á paz e o desenvolvemento.
Unha nova avalancha de apoios ao Parque Natural demostra que está cada día máis preto de ser realidade, ou cando menos que a negativa inicial da Xunta cada día ten menos sentido. Ademais as 8 adhesións chégannos dun auténtico abano de sectores fundamentais no tecido social da Costa da Morte: os empresarios, os profesionais do desenvolvemento local, os amantes e estudosos da natureza, o sector financieiro... e moi especialmente, a sociedade, co apoio de dúas novas realidades veciñais do concello de Carnota: as asociacións veciñais Insua (Lariño) e Pedras da Area (Mallou e Maceiras), co que batimos unha barreira psicolóxica importante: 3 de cada 4 colectivos veciñais do Concello de Carnota (o 75%) xa se pronunciaron a favor do Parque Natural do Monte Pindo.
FECOM
Estamos ante unha desas adhesións que probabelmente ficarán gravadas na historia do Monte Pindo con letras de ouro. A Federación de Empresarios da Costa da Morte (FECOM) integra ao conxunto das asociacións patronais, e por tanto dos empresarios, da bisbarra. É por iso que este apoio nos resulta tan sumamente importante e estimulante, pois significa que o conxunto do noso tecido produtivo está completamente dacordo coa creación do primeiro parque natural da Costa da Morte.
Desde a Asociación Monte Pindo queremos facerlle chegar ao presidente José Gabín, ao seu equipo, e ao conxunto das asociacións empresariais integradas en FECOM o noso agradecemento por este paso de xigante para que o Parque Natural sexa en breve unha realidade que veciños, axentes sociais, sectores produtivos e amantes da natureza poidamos disfrutar e aproveitar para o desenvolvemento de toda a comarca.
AAVV Ínsua (Lariño)
Outro colectivo do concello de Carnota vén de sumarse á reivindicación do Parque Natural do Monte Pindo: A Asociación veciñal Insua da Parroquia de Lariño é un colectivo que adquiriu moita importancia hai máis dunha década coa organización dunha Festa do Porquiño que chegou a ser referencial na comarca. Tamén se erixira en máxima artífice da mellora da daquela pésima cobertura televisiva na parroquia.
A partir de aí, o colectivo esmoreceu, ata que en novembro de 2011 a práctica totalidade da veciñanza de Lariño saiu da súa letanía para arroupar unha asemblea que elixiu a Marcos Rama como presidente e botou o colectivo a rodar con forza renovada. Desde aquí enviámoslle os nosos mellores desexos nesta andaina tan ilusionante e agradecémoslle a súa adhesión a un Parque Natural que tamén será seu.
AAVV Pedras da Area (Mallou)
Tamén desde moi cerca do Monte Pindo outro colectivo carnotán transmítenos o seu respaldo: A Asociación de Veciños Pedras da Area agrupa e representa desde o ano 1994 aos veciños de Mallou e Maceiras, e ocúpase da súa vida cultural, social e forestal -pois tamén conta cunha Comunidade de Montes-. Pero sobre todo, é a entidade que organiza en agosto de cada ano a famosa Festa da Cachelada de Mallou, un evento que cada ano atrae a este pequeno lugar moitos centos de visitantes, por non dicir miles.
AFIPRODEL
A Asociación Finisterrae de Profesionais de Desenvolvemento Local (AFIPRODEL) ten a súa raíz nunha serie de contactos iniciados en 1989 por varios traballadores deste sector, que conseguiron por en común as súas inquedanzas coa constitución na Costa da Morte deste colectivo profesional. O seu obxectivo é defender e dignificar aos que se dedican profesionalmente ao desenvolvemento local e potenciar os recursos municipais para acadar un desenvolvemento económico- social global, ambiental , harmónico e sustentable.
Dolores Pena, presidenta de AFIPRODEL e ADL do Concello de Carnota, foi a encargada de transmitirnos o apoio deste colectivo, aprobado en Xunta Directiva esta semana.
Tamén nos comunicou outra noticia de calado: na mesma reunión AFIPRODEL converteuse en asociación de ámbito galego polo que pasará a representar os profesionais deste ámbito en todo o País.
CEMMA
Desde o colectivo dos amantes e investigadores da vida mariña transmítennos hoxe un apoio destacado: A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) é unha ONG galega (membro da Sociedad Española de Cetáceos e da European Cetacean Society) que leva desde o ano 1992 estudando os mamíferos (especialmente os cetáceos) e as tartarugas mariñas de Galiza da man de institucións estatais e internacionais, e divulgando o seu traballo mediante exposicións, conferencias e cursos. Dende 1999 CEMMA é, ademais, a institución responsábel da asistencia aos varamentos na costa galega, a xestión do banco de mostras oficial, a recuperación de animais feridos, o estudo poboacional destas especies e a redacción dos plans de xestión das especies máis ameazadas.
Con este currículo, é doado entender a nosa ledicia por podermos contar con este apoio que abre máis aínda o abano de sectores que queren estar ao noso carón da defensa dun monte que se destaca, precisamente, polo seu íntimo vencello co mar: o seu cumio elévase ata os 627 metros de altitude a apenas 2 quilómetros da liña de costa.
COOP57
O apoio de COOP57 á declaración de Parque Natural é nada máis e nada menos que o primeiro que recibimos desde o sector financieiro. Mais como non podía ser doutro xeito trátase dunha desas entidades excepcionais que pretenden obrar dun xeito completamente distinto á banca tradicional. Para mostra, os seus principios: banca ética, investimentos que non amparen actividades destrutivas nin a explotación de seres humanos, e sobre todo que se destaque por ser solidaria con quen máis o precisa e transparente na súa xestión.
Os seus inicios no 1996 son un perfecto exemplo da actitude que promulgan: un grupo de traballadores despedidos dunha editorial catalá decidiron destinar as súas indemnizacións para crear o que hoxe é COOP57. Un bo exemplo de que na economía, igual que no medio ambiente, as cousas pódense facer ben se conseguimos implicar aos directamente afectados. Grazas ao seu Consello de Sección polo seu apoio unánime.
Equo
Un xoven partido político, o primeiro de ámbito estatal, tamén secunda a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. Equo Galicia, por voz da súa voceira Loli Tobío, acaba de transmitirnos o apoio da entidade, en consonancia coa súa aposta "polas iniciativas que procuran por en valor os nosos recursos naturais pensando na sostenibilidade".
Desde Equo consideran igual que nós que "a proclamación do Monte Pindo como Parque Natural sería un xeito de protexer a súa contorna así como apostar polo futuro da nosa xeografía".
Pegadas de Píntegas
O Grupo de Montaña Pegadas de Píntegas é o último colectivo de amantes dos montes que quere apoiarnos na nosa causa, e así nolo comunicou o seu secretario Eduardo Navarro. Nacida no 2009 en Lugo e hoxe integrada na Federación Galega de Montañismo, a súa intención é servir de vinculo catalizador para o desenvolvemento de calquera tipo de actividade relacionada co medio natural, moi especialmente ás disciplicas do montañismo, o sendeirismo e a escalada, ás que dedican un completo programa anual de actividades, que vos convidamos a coñecer. Grazas a Pegadas de Píntegas e ao conxunto dos amantes da montaña por facernos sentir tan respaldados desde que comezamos a nosa andaina.
Ben sexa pola recente reunión co conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández, ou ben pola proximidade da Manifestación do 14 de abril, o certo é que estamos sendo sobrepasados polas numerosas adhesións á causa da declaración do Parque Natural do Monte Pindo, unha reivindicación que cada vez conta con máis respaldo e con menos dúbidas entre todos os sectores sociais implicados. Hoxe son nove, onte foron seis, antonte foron trece... e que sen dúbida serán moitos, moitísimos máis apoios se a Consellería non move ficha dunha vez.
A Ría non se vende
Co apoio da plataforma A Ría non se vende recibimos tamén as forzas dos 21 colectivos que conflúen ao seu abeiro desde o ano 2006 para combatiren as múltiples agresións puntuais do medio litoral das Rías Baixas: recheos, ampliacións industriais, etc. Abonda cunha ollada rápida na súa páxina para descubrir que deben multiplicar os esforzos para tentar poñer freo ás ameazas que de man da especulación e o desleixo pretenden dar ao traste coa nosa paisaxe costeira a cambio dun determinado rendemento económico para uns poucos.
aCentral Folque
Desde logo o mundo musical galego non fai ouvidos xordos á reivindicación do Parque Natural do Monte Pindo. aCentral Folque é un proxecto fundamentado no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo. Exerce a súa actividade nas áreas de docencia regular en escolas de Santiago e Pontevedra e de produción profesional de eventos escénicos e pedagóxicos. aCentral Folque vén avalada pola experiencia de sete anos de funcionamento do CMTF de Lalín nos que se consolidou como centro de referencia nacional e internacional, atraendo a alumnado de toda a xeografía galega e estudantes chegados de Estados Unidos, Estonia, Portugal, Romanía… a pesar da carencia dunha titulación oficial para este tipo de ensinanza na Galiza.
Asociación Galega de Apicultura
Hoxe recabamos o apoio da Asociación Galega de Apicultura (AGA), o que nos congratula moi especialmente porque ademais de tratarse dun colectivo que traballa para poñer en valor unha tradición milenaria e totalmente substentábel en termos medioambientais, coincide que unha das prioridades da nosa Asociación é recuperar a apicultura tradicional nas abas do Monte Pindo, unha actividade que estivo a piques de desaparecer mais que agora grazas á inquedanza social cada día da máis alegrías, como a recente restauración dunha antiga alvariza no entorno de San Cibrán polos veciños de Caldebarcos ou os traballos da CAE Rainha Lupa (Quilmas) no mesmo senso. Sen dúbida as vías de colaboración que poden estabelecerse traerán doces resultados!
Club de Montaña e Escalada Azimut
Luis Arocas foi o encargado de comunicar a adhesión do Club de Montaña e Escalada Azimut, que é o segundo colectivo de montañeiros deste país que se une á defensa do Monte Pindo. Sen dúbida cunha apropiada atención o macizo carnotán pode converterse nun dos puntos quentes da escalada en Galiza; de feito foron moitos os amantes deste deporte que nos preguntaron nas últimas semanas acerca de vías de escalada neste entorno, que hoxe son inexistentes.
A Asociación Monte Pindo desaconsella nestes momentos a práctica da escalada no Olimpo Celta ata que existan unhas instalacións homologadas e que garantan a seguridade dos usuarios, cousa que -agardamos- será posíbel en canto o Monte Pindo sexa Parque Natural.
Finisterrae
Desde o sector turístico da Costa da Morte non perden ollo da nosa actividade. Despois da adhesión da patronal de turismo da Costa da Morte, da Asociación Neria e do portal CostaMeiga, hoxe recibimos o apoio de Finisterrae, un portal web de servizos que pretende fornecer de todo tipo de información de interese para axudar a organizarse aos visitantes que queiran achegarse á nosa bisbarra.
É perfectamente comprensíbel que un diamante en bruto como será o Parque Natural do Monte Pindo conte co absoluto respaldo deste sector, e por iso nos comprace atoparnos con tan boa acollida entre os excelentes profesionais da Costa da Morte.
Galiza non se vende
Máis que unha asociación Galiza non se vende é unha rede da que forman parte ata 58 colectivos de toda vocación, procedencia e obxectivos, mais cun denominador común claro: a defensa do medio ambiente, sobre todo os ecosistemas litorais, baixo unha premisa: "terra viva, e vida digna para todas e todos". Esta máxima non pode definir mellor os nosos propios principios: Débese protexer o Monte Pindo, mais de xeito que esa protección sirva para que os veciños poidan vivir dignamente. E iso só podemos conseguilo coa figura de Parque Natural.
Eiras do Minho
Cun pe en Portugal e outro en Galiza, o colectivo Permacultura Eiras do Minho, conformado por persoas de ambas beiras do río Miño que se aglutinan arredor do concepto de permacultura, unha filosoía que avoga pola integración harmónica de vivenda e paisaxe, aforrando materiais e refugallos, de xeito que a residencialidade dun espazo non repercuta en agresións aos seus recursos naturais. Un proxecto que fai da substentabilidade unha bandeira é un apoio máis que desexábel para a nosa causa.
Plataforma CÍES
A Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo CÍES é o paraugas baixo o que se albergan desde 1993 un total de 56 organizacións da vida asociativa, comercial, sindical, universitaria, ambiental, mariñeira e marisqueira da comarca de Vigo defenden os seus intereses conxuntos e a defensa medioambiental dunha ría ameazada pola contaminación e o urbanismo incontrolado que poñían en risco a fauna e a flora mariña asi como o medio de vida directo e indirecto de milleiros de persoas. Tamén queren estar a carón dos veciños da Costa da Morte na loita polo seu primeiro parque natural.
Salvemos Monteferro
Desde Nigrán recibimos a adhesión dun colectivo, Salvemos Monteferro, aglutina desde 2006 a un conxunto de cidadáns preocupados pola posíbel deforestación e urbanización do único paraxe costeiro aínda sen urbanizar na banda sur da Ría de Vigo, dende Redondela a Nigrán... Monteferro. Vaia desde aquí todo o noso ánimo e forzas para frear dunha vez por todas unha masificación urbana que, se ben xa en tempos da burbulla era demencial, nestes momento tórnase un auténtico despropósito.
Novamente espertamos coa adhesión de entidades sociais de todo tipo á causa xusta da protección e o desenvolvemento substentábel do Pedregal carnotán baixo a figura de Parque Natural. Logo da que os medios de comunicación bautizaron como "cascada de apoios" vivida na última semana, cada vez máis colectivos se poñen en contacto con nós para que saibamos que contamos coa súa colaboración.
Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)
Se ben xa hai un tempo que víñamos colaborando coa AELG en diferentes proxectos literarios ambientados no Monte Pindo, o seu presidente Cesáreo Sánchez acaba de confirmarnos a adhesión do colectivo nacido en 1982 que aglutina aos escritores e as escritoras máis sobranceiros na nosa lingua á declaración de Parque Natural.
Sen dúbida trátase dun apoio crucial do mundo da cultura galega, que avala que o Monte Pindo tamén forma parte do noso acervo cultural común. Por outra parte, a iniciativa de Miro Villar e Francisco X. Fernández Naval, membros de AELG e socios de Monte Pindo Parque Natural, xa leva compiladas máis de 40 poesías inéditas sobre o macizo carnotán, cuxa publicación verá a luz en breve.
Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal
Un dos máis importantes investigadores do Monte Pindo e colaboradores da nosa causa, o catedrático de xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní, remítenos o apoio do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, creada en 1979 e hoxe dependente da Universidade da Coruña, que el mesmo preside, asi como a adhesión de 3 profesores máis desta institución: Aurora Grandal d’Anglade, Jorge Sanjurjo Sánchez e Willem Viveen.
A asidua implicación do IUX Parga Pondal no Monte Pindo xa deixou os seus importantes froitos mediante estudos e analíticas de rochas do macizo, a publicación dunha tese doutoral sobre a intricada xeoloxía do Monte Pindo, á que axiña dedicaremos un artigo en profundidade, asi como varios descubrimentos que poden revolucionar os cimentos da xeoloxía moderna, e que mesmo subscitaron o interese da NASA, como son os depósitos macrobióticos ou espeleotemas presentes nas cavidades graníticas do Monte Pindo.
Clube Espeleolóxico Maúxo
Íntimamente relacionado co apoio anterior, recibimos o respaldo do Clube Espeleolóxico Maúxo (Vigo), unha entidade creada en 1992 que centra os seus esforzos na investigación das covas presentes na nosa orografía.
Foi este colectivo o que, acompañado polo profesor Vidal Romaní, descubriu nunha cova do Monte Pindo restos cerámicos de 6.000 anos de antigüidade, que demostraron que o Olimpo Celta tamén serviu de primitivo acobillo aos primeiros humanos que poboaron o noroeste peninsular. Un descubrimento sen precedentes, dado que os restos arqueolóxicos máis antigos que se coñecían no lugar apenas datan duns mil anos de antigüidade.
Plataforma en defensa da Serra do Galiñeiro
De plena actualidade pola súa loita contra un proxecto eólico que pretende arrasar parte do seu patrimonio natural, recabamos o apoio da Plataforma en defensa da Serra do Galiñeiro.
A problemática da instalación de aeroxeradores a calquera prezo en lugares mesmo non aptos para a produción enerxética e só tendo en conta o nivel de oposición social fundamenta a denuncia deste colectivo unido en defensa dunha serra que ademais é a prolongación natural e xeográfica do Parque Natural do Monte Aloia, e a unidade paisaxística de máis valor do sur da provincia de Pontevedra.
Monte Pindo Parque Natural xa lles comunicou o respaldo á súa causa, e facemos propia a frase que usaron para transmitirnos o apoio: A vosa loita é a nosa loita.
Verdegaia
Tras ADEGA, SGHN, Amigos da Terra e Naturviva, recabamos a adhesión doutra importante asociación ecoloxista galega, Verdegaia, que nace en 2006 co obxecto de contribuír desde Galiza para a defensa do ambiente e o avanzo na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, na procura dunha saída emancipatoria á crise ecolóxica global.
Asociación Sociocultural Motivos d'Aldea
Desde Bueu chéganos a adhesión dun colectivo, Motivos d'Aldea, que levan un ano dedicados á investigación, protección, actualización e divulgación do legado patrimonial, material e inmaterial, pertencente á nosa cultura e definitorio da nosa identidade histórica. O seu interese radica fundamentalmente no patrimonio local, en calquera das súas vertentes: medioambiental, construído, inmaterial e marítimo... Máis tamén demostran a súa xenerosidade para con outras causas xustas, cousa que no Monte Pindo agradecemos e moito.