Amosando publicacións coa etiqueta Roteiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roteiros. Amosar todas as publicacións

15/09/14

A praga de eucalipto no Monte Pindo xa non se pode eliminar de forma manual

Éxito do roteiro ao Monte Pindo coa asistencia de máis de 200 persoas que disfrutaron dunha xornada fantástica

Parte da comitiva na Laxe da Moa. Imaxe: AMPPN
A Asociación Monte Pindo Parque Natural celebra o impresionante interese que segue a espertar o Olimpo Celta mesmo despois de verse arrasado, e a curiosidade por coñecer o estado actual do macizo carnotán converteu nun auténtico éxito o roteiro co que a entidade veciñal pretendía reivindicar o cabodano da traxedia, reunindo a máis de 200 persoas de toda idade e procedencia, e espertando unha gran espectación mediática, con presenza de equipos da TVG, Antena 3, Telecinco, Sexta e Cuatro. A todos eles temos que agradecer o seu respaldo.

Imaxe: AMPPN
A serpe multicor partiu de Caldebarcos cara o Chan das Lamas por un sendeiro inédito para a nosa Asociación, e descubriu as monumentais calzadas que os nosos antergos prepararon para habilitar o acceso de animais e carros ata o Monte. Rodeada a chaira, ascendeu ata o Castelo de San Xurxo, tumba da mítica Raíña Lupa e dos seus tesouros. Logo, despois da visita de rigor ao Xigante da Mina, a comitiva atravesou as murallas do castelo Pindo Central para rematar a andaina na Laxe da Moa coas vistas máis espectaculares do sur da Costa da Morte, tras o que xantamos no Campo das Cortes e tomou un merecido descanso. O retorno, pola mesma ruta, concluiu arredor das 17:30h no fermoso lugar de Caldebarcos.

Brotes de eucalipto de varios metros de altura ameazan o único hábitat do carballo anano
Imaxe: AMPPN
Ao longo da mañá, unha delegación da Asociación Monte Pindo Parque Natural achegouse, acompañada por varios medios de comunicación interesados, ao único hábitat do carballo anano no Monte Pindo e tamén en Galiza. Nesa zona puidermos constatar a invasión total de Eucalyptus globulus, que rebrotou por doquier ameazando a supervivencia do carballo autóctono. As novas plantas xa superan en menos dun ano os dous metros de altura, polo cal, tal e como puido precisar o enxeñeiro de montes e directivo de Monte Pindo Parque Natural, Xurxo Pérez, a súa extracción manual xa non é posíbel. Tamén comprobamos as cortas de arborado queimado nas zonas baixas do monte, lugares hoxe tamén colonizados por eucaliptos.

Imaxe: AMPPN
Isto contradi por completo as últimas declaracións de Tomás Fernández-Couto, secretario xeral do Medio Rural e Montes, quen se amosou totalmente despreocupado pola situación no espazo natural protexido e mesmo asegurou que a Xunta non faría nada antes da primavera do 2015, en aras dunha suposta recuperación natural, excusa incríbel para unha desafección e un abandono deliberados que abriu as cancelas á profusión do eucalipto, que se hoxe xa non se poden retirar de forma manual, no prazo dun ou dous anos conformará unha masa forestal consolidada nun lugar de imposíbel acceso a maquinaria. E se por parte da Consellería de Medio Rural todo o que podemos saber son estas declaracións improvisadas, inconcretas, inexactas e lanzadas, sen dúbida, debidas exclusivamente ao interese mediático que xerou a nosa última denuncia, por parte da Consellería de Medio Ambiente, responsábel da conservación da natureza, non sabemos nada en absoluto. 

Ignorou todos os avisos da situación de abandono, e o Monte Pindo rematou destruído. Ignorou a alerta de escorrentías, e remataron enterrando os bancos marisqueiros. Incluso vetou as iniciativas do propio movemento veciñal que buscaban reemprazar a inacción administrativa. Agora ignora todas as alertas sobre a emerxencia ecolóxica que vivimos. Co seu silencio e abandono premeditado do Monte Pindo, a Xunta sentenza a súa biodiversidade, e nomeadamente, un dos seus maiores valores que no seu día xustificou a súa protección, o carballo anano. Neste contexto o Concello de Carnota, as Comunidades de Montes e o tecido asociativo de Carnota acordamos traballar para liquidar o Consorcio que deixa en mans da Xunta a competencia súa xestión e, polo tanto, reverter a xestión do Monte Pindo nos seus propietarios e nos movementos sociais que si están dispostos a traballar polo futuro deste espazo natural único, para acabar dunha vez co abandono ao que parecen telo condenado.

01/09/14

Roteiro polo Monte Pindo: O ano despois do desastre

Cartel do evento. Foto: Román Nóvoa ©
Cúmprese un ano do incendio que devastou o Olimpo Celta, e queremos que nos acompañedes nun roteiro pola zona arrasada o sábado 13 de setembro para comprobar o seu estado un ano despois, e pedirlle á Xunta que dunha vez dispoña dos recursos necesarios para recuperar e protexer o Monte Pindo.

Sairemos do restaurante O Feitizo en Caldebarcos (Carnota) a iso das 10:00h da mañá, polo que o primeiro tramo desenvolverase por un percorrido inédito no historial de visitas organizadas pola nosa Asociación. O retorno -ao mesmo lugar- está previsto a iso das 18:00h, polo que deberedes levar auga e xantar. Ah, coma sempre lembrade traer roupa e calzado cómodos, seguros e axeitados ás condicións meteorolóxicas do día. O custe da actividade é gratuito. Para máis información, consúltanos en info@montepindo.org.

Monte Pindo, Parque Natural!

En detalle
  • Trazado: Caldebarcos-Chan das Lamas-San Xurxo-Laxe da Moa (volta polo mesmo camiño)
  • Distancia: Arredor de 10 quilómetros
  • Duración: 4 horas (sen contar paradas), 6 horas totais
  • Dificultade: Media
  • Traer xantar e roupa e calzado seguros, cómodos e axeitados ás condicións do día
  • Máis información: www.montepindo.org ou escribenos a info@montepindo.org

24/05/13

Este domingo 26 retomamos o II Roteiro Circular Monte Pindo "para non perderse"

Convidámoste a acompañarnos nun macroroteiro que desenvolveremos o domingo 26 de maio desde as 10:00 horas con saída e chegada na Praza da Solaina (lugar do Pindo, Carnota), retomando a actividade que tivera que ser suspendida hai unha semana polas malísimas previsións meteorolóxicas.

Trátase dun roteiro circular un chisco máis longo dos que vimos facendo de xeito habitual, deseñado para visitar nunha mesma xornada algúns dos puntos máis interesantes da orografía do monte sacro dos nosos antergos, coma o Pico Penafiel, o Castelo de San Xurxo, o Xigante da Mina, a Cova da Xoana ou o Cadoiro do Ézaro coa súa maxestuosa fervenza desde un punto de vista pouco habitual, facendo cumio na Laxe da Moa, visita obrigada.

A asistencia por suposto é libre e gratuita. Os participantes deberán traer o seu xantar, roupa e calzado cómodos e acaídos ás condicións meteorolóxicas do día, e auga.

Con esta iniciativa, a Asociación Monte Pindo pretende ademais instruir aos veciños e visitantes inexpertos nas súas visitas ao Olimpo Celta, e evitarmos os recorrentes episodios de extravíos. Mentras que o Monte Pindo non sexa Parque Natural e por tanto mentras non se corrixan os graves déficits na súa sinalización, a formación é o único xeito de minimizar o risco de perderse, por iso animamos a veciños e visitantes a acompañarnos neste roteiro que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.

En detalle
  • Trazado: Pindo-Moa-Penafiel-Cadoiro-Pindo
  • Distancia: Arredor de 10 quilómetros
  • Duración: 5-6 horas (sen contar paradas)
  • Dificultade: Media
  • Traer xantar e roupa e calzado seguros, cómodos e axeitados ás condicións do día
  • Máis información: www.montepindo.org ou escribenos a info@montepindo.org

17/05/13

Suspéndese o II Roteiro ata novo aviso

A choiva, as escorrentías e a borraxeira non
son boas compañeiras de andaina. Fonte
Finalmente malia a lixeira melloría nas duras prediccións meteorolóxicas para o sábado 18 de maio, día do II Roteiro Circular Monte Pindo "para non perderse", a Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural decidiu suspender ata novo aviso esta actividade.

Lamentamos vernos na obriga de adoptar esta medida para garantir a seguridade dos centos de persoas que xa se interesaran por esta actividade coa que prevíamos incluso superar as máis de 200 persoas que asistiran ao primeiro Roteiro Circular. Agardamos poder anunciar unha nova data en breve na que si se poida realizar esta actividade nunhas condicións idóneas para que todo o mundo disfrute das marabillas naturais, xeolóxicas e patrimoniais do Olimpo Celta da forma que se merecen.

Grazas a todas e todos!

14/05/13

O II Roteiro Circular "Para non perderse" vaise realizar mentras non se comunique o contrario

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, ante a preocupación que está a subscitar as condicións meteorolóxicas previstas para o día 18 e para o desenvolvemento do II Roteiro Circular Monte Pindo "Para non perderse", COMUNICA:


II Roteiro Circular "Para non perderse" vaise realizar mentras non se comunique o contrario

No caso de que se entenda que se darán condicións meteorolóxicas que desaconsellan a súa realización por non garantir as necesarias condicións de seguridade para os participantes, entre as 18:00 e as 22:00 horas do día 17 como límite emitiremos un comunicado na nosa WebFacebookTwitter Correo Electrónico. Pedimoslle a todos aqueles que teñan previsto participar que lembren facerlle unha visita a calquera desas fontes antes de dirixirse ao Pindo o día 18 para descartar a pouco probable suspensión do evento.
Grazas!

23/04/13

II Roteiro Circular Monte Pindo "para non perderse"

Convidámoste a acompañarnos nun macroroteiro que desenvolveremos o sábado 18 de maio desde as 10:00 horas con saída e chegada no lugar do Pindo.

Trátase dun roteiro circular un chisco máis longo dos que vimos facendo de xeito habitual, deseñado para visitar nunha mesma xornada algúns dos puntos máis interesantes da orografía do monte sacro dos nosos antergos, coma o Pico Penafiel, o Castelo de San Xurxo, o Xigante da Mina, a Cova da Xoana ou o Cadoiro do Ézaro coa súa maxestuosa fervenza desde un punto de vista pouco habitual, facendo cumio na Laxe da Moa, visita obrigada.

Cartel do evento
A asistencia por suposto é libre e gratuita. Os participantes deberán traer o seu xantar, roupa e calzado cómodos e acaídos ás condicións meteorolóxicas do día, e auga.

Con esta iniciativa, a Asociación Monte Pindo pretende ademais instruir aos veciños e visitantes inexpertos nas súas visitas ao Olimpo Celta, e evitarmos os recorrentes episodios de extravíos. Mentras que o Monte Pindo non sexa Parque Natural e por tanto mentras non se corrixan os graves déficits na súa sinalización, a formación é o único xeito de minimizar o risco de perderse, por iso animamos a veciños e visitantes a acompañarnos neste roteiro que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.

En detalle
  • Trazado: Pindo-Moa-Penafiel-Cadoiro-Pindo
  • Distancia: Arredor de 10 quilómetros
  • Duración: 5-6 horas (sen contar paradas)
  • Dificultade: Media
  • Traer xantar e roupa e calzado seguros, cómodos e axeitados ás condicións do día
  • Máis información: www.montepindo.org ou escribenos a info@montepindo.org

06/03/13

A Moa é feminino: Roteiro rosaliano ao Monte Pindo para reivindicar a muller traballadora

Cartel do evento
A Asociación Monte Pindo Parque Natural colabora por vez primeira coas actividades organizadas por Galiza Nova da Costa da Morte no Concello de Carnota con motivo do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, e farémolo como mellor sabemos.

O sábado 9 de marzo, quedamos na Praza da Solaina (O Pindo) ás 10:00 horas para emprender a subida clásica á Laxe da Moa, cumio do Olimpo Celta e inigualábel mirador situado a 627 metros sobre o Océano Atlántico. Unha vez ali, recitaremos versos do Cantares Gallegos, obra central da gran matriarca nacional Rosalía de Castro de cuxa publicación se cumpren agora 150 anos.

Desde hai séculos, tal vez miles de anos, o Monte Pindo está moi intimamente relacionado coa muller. Foron as mulleres as que ata hai medio século, cando aínda non existía a ponte do Ézaro nin a estrada actual, debían transitalo incluso a deshora, para mercar ou vender os seus produtos nas feiras do entorno; isto convertiríaas sen ningunha dúbida nas máximas coñecedoras dos seus camiños, lendas e ameazas, exceptuando os pastores que pasaban alí a maior parte do día. A muller foi protagonista dos ritos de fecundidade que se desenvolveron no Pico Penafiel ata tempos moi recentes, cando as parellas que non conseguían descendencia acudían a facer o amor a este simbólico macizo, o que segundo a tradición lles garantiría o arelado embarazo.

Mulleres de Lira, foto de Ruth Matilda Anderson en 1927
A muller tamén ten moita presenza no aspecto lendario deste monte inzado de mitos. Só lembrar que debaixo das augas do Cadoiro unha belísima princesa encantada e o seu inmenso tesouro agardan a todo cabaleiro que se atreva a cruzar esta fervenza temíbel, ou que tiñan que ter moito ollo cunha monstrosa serpe de sete cabezas (outro símbolo feminino) que levaría a desgraza a toda moza que atravesara desprevida o Rego Boitureiro; ata hai poucos anos recibían instrucións claras de atravesar este río ás carreiras. Noutro regato da zona, as leiteiras debían ciscar á auga unhas areas de sal se non querían que o prezado líquido que cargaban nas cabezas se convertese en sangue. A Raiña Lupa, esta poderosa figura feminina omnipresente na tradición oral galega, tamén está enterrada en cando menos 3 lugares distintos no Monte Pindo, con 7 millóns de ouro á cabeza e outros tantos nos pes. Hai moi poucos meses unha amiga, Laura Caamaño, revelounos a lenda inédita da "Casa de Dona Albara", a 25 pasos exactos da cal hai enterrada unha ola de prata chea de ouro; parecida á que os seus propios avós atoparon unha vez e, desilusionados por non conseguir un bo prezo por ela na Coruña, remataron por enterrala na horta, por sempre.

As mulleres, que numericamente supoñen o 32% da nosa Asociación, serán pois as grandes protagonistas desta emotiva xornada de reivindicación, mais todos estamos convidados a este acto sentido de homenaxe. iso si, lembrade traer roupa e calzado cómodos e axeitados ás condicións meteorolóxicas, auga e xantar. Coma sempre, non hai que pagar nada nin inscribirse, pero rógase puntualidade.

23/09/12

Máis de 200 persoas non se quixeron perder o roteiro circular polo Monte Pindo

Parte dos asistentes, na Laxe da Moa. Foto: Davifd Trillo
As malas previsións meteorolóxicas, que afortunadamente se quedaron en nada, non frearon o aluvión de asistencia ao macroroteiro circular de 12 quilómetros polo Monte Pindo, que partiu onte ás 10 do lugar do Fieiro e retornou puntualmente ao mesmo sitio ás 18:00 horas.

O tráfico que se percibía no entorno do Fieiro ao fío das 10 de mañá prognosticaba que a actividade interesaba, mais nada nos facía pensar que a cita chegase a reunir entre 200 e 250 asistentes dispostos a pasar unha xornada percorrendo un roteiro que declaráramos de dificultade media-alta. Amigos chegados de todos os puntos do concello de Carnota e do País ansiaban coñecer ese monte da costa galega do que todo o mundo está a falar. E polo que nos ides contando, ninguén quedou decepcionado.

A interminábel ringleira de sendeiristas comezou a afrontar a subida ata a Laxe da Moa da man da sabiduría de Pepe do Fieiro, que mantén no seu andar o paso lixeiro e áxil que o levaba pastorear por estes paraxes hai 70 anos, e do propio presidente da Asociación Monte Pindo, Xilberto Caamaño, foi debullando os misterios que aquí habitan as pedras e os camiños, o Campo dos Coellos, as murallas... A xente comezou a pisar a Laxe da Moa preto do mediodía, que co permiso dun verdadeiro vendaval permitiu recoller a foto de grupo máis ansiada, mais que non fai xustiza pois non rematara de chegar xente ao cumio granítico de 627 metros sobre o Atlántico.

Logo da pertinente visita ao Campo de Cortes, coa súa capela ignota e a lenda que o rodea, a comitiva tomou rumbo a Revertedemos ou a Cova da Casa Xoana, que coas súas historias de meigas e meigallos non podía quedar fóra da ampla visita. Despois dun concurrido xantar, agardábanos o Pico Penafiel, no que a documentación medieval sitúa un castelo homónimo do que pouco queda máis que unha inscrición medieval excomulgándoo. Foi este espazo o que nos deixou a anécdota do día, cando a multidude comezou a berrar espontáneamente "Monte Pindo, Parque Natural!" que retumbou no horizonte. Non sabemos se os seus ecos chegarían ata San Caetano por entre as torres da Catedral que segundo a lenda se pode ver desde aquí nos días claros.

Despois de seguir percorrendo as fermosas carballeiras que poboan esta ladeira, unha rústica e fermosa ponte sobre o rego Sanchaferro guiounos ata a pista forestal que nos trasladaría de novo ata a aldea do Fieiro e ao remate do noso periplo, non sen antes ternos librado dun desafortunado aramio de espiño que alguén atravesou na vía pública para conter a liberdade dos cabalos e de paso todo ser que transitara este entorno.

Ao remate, moitos respiraron, saudáronse e déronse a noraboa polo éxito do roteiro, que cumpriu sobradamente o dobre obxectivo que na Asociación nos plantexamos: ofrecerlle aos nosos veciños e visitantes unha agradábel xornada de lecer, mais sobre todo fomentar o coñecemento en detalle dos camiños do Olimpo Celta de xeito que se minimicen os episodios de extravíos tristemente de moda que teñen posto en risco a vida e a saúde de tantas persoas que só pretendían gozar dun día no belísimo monte sacro dos seus antergos.

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, queremos agradecer o interese e a confianza depositada por tantas persoas e outras tantas que non puideron asistir por outros motivos, e tamén debemos felicitarnos porque o completo percorrido rematara sen ningún incidente preocupante para os sendeiristas. Isto foi posíbel grazas ao gran coidado posto por todos e a uns esforzos dunha humilde organización cos que puidemos aprender moitisimo para seguir mellorando as nosas actividades día a día.

10/09/12

Ultimando detalles do "Roteiro para non perderse", que contará cun guía de excepción

Achégase o 22 de setembro e o Roteiro circular polo Monte Pindo está a xerar moitísima expectación entre a sociedade e os medios de comunicación. En agradecemento polo interese que estades a amosar, temos a honra de anunciarvos que durante o roteiro contaremos coa excepcional presenza de Pepe do Fieiro, que co seu saber e a súa forza de león nos acompañará durante todo o roteiro.

Pepe do Fieiro. Foto: Chiara Luppoli
Posibelmente o nome de Pepe do Fieiro non lles soe a moitos, pero axiña comprobaredes a vital importancia desta persoa para a nosa Asociación. Pepe é un señor de case 80 anos que conserva o espírito e a forza dun rapaz, criado entre o Fieiro e as abas do Monte Pindo, onde pastoreou desde moi neno os rabaños de cabras da súa casa entre os penedos agrestes do Olimpo Celta.

Isto significa nada máis e nada menos que Pepe leva toda a vida recorrendo o monte sacro, o que o convirte sen dúbida nunha no maior coñecedor dos seus recunchos. Tanto é asi, que Pepe sabe os nomes de cada pedra e cada outeiro, lembra refuxios e camiños perdidos na noite dos tempos, e ata pode relatar as historias e lendas que os seus maiores lle foron ensinando desde a súa infancia. Para a Asociación Monte Pindo Parque Natural, coñecer a Pepe é algo asi como contar cunha auténtica enciclopedia vivinte.

Ultimando detalles do roteiro
Os asistentes ao roteiro deberán concentrarse ás 10:00 horas do sábado 22 de setembro na área recreativa do lugar do Fieiro (Mazaricos). Para chegar, recomendamos dúas posibilidades: Se vides polo interior, no desvío da AC-400 á altura das Paxareiras tedes a alternativa máis sinxela. Se vides pola costa, a subida polo Ézaro desde a AC-550 é a máis acaída. Un dato moi importante a ter en conta é que os autobuses e outros vehículos pesados deben acceder obrigatoriamente desde as Paxareiras, dado que a alternativa costeira conta con duras pendentes de ata o 30%, como puideron comprobar os ciclistas na recente etapa da Volta.

Unha vez no punto de encontro, e despois de facer as presentacións e recomendacións oportunas, a comitiva emprenderá o ascenso cara á Laxe da Moa, onde fará cumio nos seus 627 metros que permite disfrutar dunha das panorámicas máis impresionantes do sur da Costa da Morte, cunha perfecta visibilidade desde Corrubedo ata o Cabo Fisterra e alén. Desde a maxestuosa cachola granítica, o grupo rodeará o pico para coller rumbo á Cova da Casa Xoana, unha pintoresca grota que perfora de canto a canto un outeiro. Logo seguirá descendendo polo Rego Sanchaferro para visitar o Penafiel, o famoso curuto piramidal ao que a historia atribúe un castelo derrubado pola 2ª Revolta Irmandiña, e finalmente retornará ao Fieiro, que alcanzaremos entre as 18:00 e as 20:00 horas, dependendo do ritmo e das paradas que se fagan. En total, serán uns 12 quilómetros con dificultade media-alta. Este é o chamado roteiro circular.

Para as persoas que por calquera motivo poidan ter dificultades co roteiro circular completo, deseñouse unha alternativa que, sendo igual na súa primeira parte, unha vez feito cumio na Laxe da Moa dirixirase directamente cara o Pindo. A dificultade deste tramo é media e prevese completar o roteiro arredor das 14:00 h., dependendo do ritmo e das paradas.

En calquera dos casos, debemos rogar que os sendeiristas deben facer acopio de abundante auga e do seu xantar, asi como escoller roupa e calzado seguros, cómodos e acaídos ás condicións meteorolóxicas que fagan o día 22. Asi mesmo, débese evitar perder o contacto visual coa comitiva en ningún momento e sobre todo estreitar a precaución ante posíbeis roces, contusións e torceduras. Os nenos e persoas con dificultades físicas poden participar sempre e cando estén afeitos a camiñar polo monte. Por último, é mais importante, débese disfrutar das formidábeis paisaxes únicas que nos ofrece o Monte Pindo, e os seus valores ecolóxicos, culturais e patrimoniais sen igual.

Como chegar

Ver Roteiro circular ao Monte Pindo "para non perderse" nun mapa máis grande

28/08/12

Ven de roteiro con nós coñecer todos os misterios do Monte Pindo!

O Penafiel desde a cámara de Bieito Romero
A Asociación Monte Pindo Parque Natural convídate a acompañarnos nun macroroteiro que desenvolveremos o sábado 22 de setembro polo Monte Pindo desde as 10:00 horas con saída e chegada no lugar do Fieiro.

Trátase dun roteiro circular un chisco máis longo do habitual, deseñado para visitar algúns dos puntos máis interesantes da orografía do monte sacro dos nosos antergos, algúns deles aos que é difícil chegar sen guías experimentados, coma o Pico Penafiel ou a Cova da Xoana. Por suposto a comitiva fará cumio na Laxe da Moa.

A asistencia por suposto é libre e gratuita. Os participantes deberán traer o seu xantar, roupa e calzado cómodos e acaídos ás condicións meteorolóxicas do día, e auga.

Con esta iniciativa, a Asociación Monte Pindo pretende ademais instruir aos veciños e visitantes inexpertos nas súas visitas ao Olimpo Celta, e evitarmos os recorrentes episodios de extravíos como o que se viviu o pasado sábado, no cal catro mozos da bisbarra perdéronse a última hora da tarde e tiveron que agardar ao mencer polo rescate, cando xa amosaban síntomas de hipotermia.

Mentras que o Monte Pindo non sexa Parque Natural e por tanto mentras non se corrixan os graves déficits na súa sinalización, a formación é o único xeito de minimizar o risco de perderse, por iso animamos a veciños e visitantes a acompañarnos neste roteiro que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.

03/04/12

Víndemo ver! A I Mostra de Promoción Local de Carnota amosa o Monte Pindo ao mundo

Cartel da Mostra
O Monte Pindo ocupará un lugar destacado, como non podia ser doutro xeito, nunha innovadora iniciativa para amosar as marabillas do noso concello ao mundo: A I Mostra de Promoción Local que se desenvolverá os vindeiros días 5, 6, 7 e 8 de abril co lema de "Víndemo Ver", preséntalle a veciños e visitantes unha axenda de catro días pragados de actividades de lecer, cultura e sobre todo promoción dos valores dun concello que o ten todo para converterse nun reclamo nacional.

O Concello de Carnota contou co noso colectivo para dar a coñecer os valores do Monte Pindo a todos os participantes, o que pretendemos acadar o sábado 7 de abril ás 17 horas no Salón de Actos do Concello coa Proxección do documental "Sendeiros ocultos: Roteiro á Moa". Posteriormente teremos unha Charla-coloquio cun convidado que forma parte do órgano de xestión dun parque natural galego, para coñecer o seu funcionamento asi como os inmensos beneficios que esta figura de protección conleva para un territorio.

Xa o domingo 8 de abril, completaremos as actividades dedicadas ao Olimpo Celta cunha Subida ao Monte Pindo acompañados por diversos expertos, que partirá ás 10:00 horas do adro da Igrexa do Pindo, e á que está todo o mundo convidado.

Agardamos que a nosa humilde achega contribúa a divulgar os valores do noso concello e a que a I Mostra de Promoción Local de Carnota sexa un completo éxito. Non temos ningunha dúbida de que así será, en vista do abano de actividades que se lle ofrecen aos participantes: mostra de artesanía, mercado ecolóxico, Ruta BTT, cursos de bodyboard, surf, padel e kayak, a primeira exposición de autocaravanas que se celebra en Galicia, moita música ao vivo e ata demostracións de artesanía en directo (cestería, encaixe, taller de reciclaxe para nenos, olería e debuxo artístico).

Non quedan excusas! Esta semana santa, vémonos en Carnota! E lembrade que o sábado seguinte temos outra cita moi importante na Manifestación para darlle o impulso definitivo ao Parque Natural do Monte Pindo!

26/05/11

Vén de roteiro polo río Xallas!

A Plataforma para a Defensa do río Xallas e ADEGA, entidades colaboradoras da Asociación Monte Pindo Parque Natural, organizan este domingo 29 de maio un espectacular roteiro polo río Xallas, que transcurrirá desde Olveiroa bordeando o río e introducíndonos pola Devesa dos Anllares, para rematar no Mirador do Ézaro, onde contaremos cunha privilexiada vista panorámica do Monte Pindo desde a súa cara norte.

Ademais do seu interese natural e lúdico, a iniciativa tamén ten unha clara compoñente reivindicativa: a defensa do río Xallas, da Devesa dos Anllares e da nosa lingua. O río Xallas é o que conta con máis potencia hidroeléctrica instalada na bacía Galiza- Costa. Aínda así, a día de hoxe atópase ameazado de morte polas pretensións económicas dunha empresa, Ferroatlántica, que pretende construír outras tres novas centrais nun treito do Xallas no que xa conta con 5 aproveitamentos e 4 encoros.

A paisaxe e a natureza destes lares é espectacular, e teremos a oportunidade de observar algúns dos poucos treitos de río virxes que se conservan, e marabillarnos coa beleza da Devesa de Anllares, única por ser o bosque atlántico máis occidental de Europa.
Datos de interese
  • O inicio do roteiro terá lugar en Olveiroa (concello de Dumbría), no bar As Pías, parada habitual dos peregrinos, ás 11 da mañá do domingo, 29 de Maio.
  • As 10:30 da mañá sairá un grupo desde o IES Fernando Blanco, no concello de Cee.
  • Desde Carnota tamén partirá unha comitiva da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Escríbenos a info@montepindo.org para quedar con nós se o precisas.
  • O percorrido será de aproximadamente 15 quilómetros á beira do Xallas, de dificultade media e trazado normal.
  • Durante o roteiro contaremos coa presenza de poetas da Costa da Morte que nos falarán sobre Pondal, e teremos un recital poético.
  • Comerase no percorrido, polo que é necesario levar a comida e a bebida da casa, e tamén o bo humor.
Se queredes coñecer un pouco máis a nosa privilexiada orografía, alí nos vemos!

18/04/11

Recuperamos o camiño a Pedra Cabalgada e visitamos a Cova dos Morcegos

Unha ducia de persoas seguiron a convocatoria do sábado desafiando un sol de xustiza para, convintemente armados con fouciños e outros enseres de desbroce, reabrir un camiño tradicional que levaba moitos anos impracticable polos toxos e as xestas, e aproveitando para recoller a toponimia e as lendas da zona.

O tramo recuperado transcurre desde a Solaina do Pindo ata a Pedra Cabalgada, un impresionante monumento natural en forma de bolo granítico xigante que, cal estatua, parece suxeitarse en fráxil equilibrio cunha peana.

Se ben a xornada foi moi produtiva, deixou pendente unha segunda visita, na que sinalaremos o roteiro axustándonos á normativa internacional de sendeirismo e clarearemos o camiño de numerosas árbores caídas polos sucesivos incendios, o que converte varios tramos nunha auténtica carreira de obstáculos.

Nace o «pinding», un novo e esixente deporte
Unha vez alcanzado o noso destino na Pedra Cabalgada, que celebramos sacándonos fotos de recordo, xantando, descansando e cantando, aínda tivemos folgos para continuar ata a Cova dos Morcegos, ascendendo a pulso por duras e escarpadas ladeiras inzadas de outeiros graníticos.

Esta esixente actividade física, que a retranca dos participantes deu en bautizar como pinding, levounos ata a máis grande das covas coñecidas no Monte Pindo, duns 15 metros de fondo e unha altura dunha persoa adulta, e que salvou a numerosos veciños da represión franquista durante a Guerra Civil.

A Asociación agradece a todos os asistentes a súa colaboración, sen a cal non sería posible recuperar esta fermosa senda que amplía aínda máis as posibilidades de disfrute das marabillas do Monte Pindo, e que nos anima a seguir nesta liña de traballo.

E como colofón da xornada, unha inesperada recompensa
A anécdota máis simpática produciuse xa ao remate da dura xornada. Un xubilado, veciño do lugar, sorprendeuse ao vernos derreados e recobrando as forzas na fonte da Solaina, polo que nos preguntou de onde víñamos. Nada máis descubrir que acabábamos de recuperar este sendeiro que case nin recordaba, agradeceunos o noso traballo e quixo ser o primeiro en inauguralo cun paseo na grata compaña do seu can. Este é, sen dúbida, o maior premio que podemos agardar ao noso esforzo.

Nota: A maioría das fotos deste artigo son por cortesía de Juan Louro Cambeiro, veciño do Ézaro. Podedes ver máis imaxes da xornada no seu album de Facebook. Tamén vos convidamos a disfrutar do seu excelente blog.

06/04/11

Voluntariado no Monte Pindo (I): Roteiro da Pedra Cabalgada

O sábado 16 de abril ven coñecer e coidar o Monte Pindo participando con nós neste roteiro á Pedra Cabalgada!
PROGRAMA

10:00h. Saída desde a Confraría de Pescadores do Pindo (Carnota)

Durante o roteiro iremos limpando o camiño e despois xantaremos na Pedra Cabalgada.

Despois do xantar desenvolveremos diversas actividades de lecer, antes de comezar a descender.

Os asistentes deberán traer:
  • Fouciño (ou outro enser para o desbroce) e luvas de protección.
  • Mochila con cando menos xantar e bebida.
  • Calzado cómodo e roupa acaída ás condicións meteorolóxicas do día.
Confirma a túa asistencia en Facebook, escribindo a info@montepindo.org ou chamando ao 651 376 769.

26/01/11

Este domingo subimos ao Monte Pindo!

Temos o pracer de informarvos que a Asociación Monte Pindo Parque Natural vai facer como tal a súa primeira subida ao Monte Pindo, accedendo por un dos roteiros máis sinxelos, o que parte desde a aldea do Fieiro, no veciño concello de Mazaricos.

Este domingo 30 de xaneiro reunirémomos ás 9:30 da mañá en fronte da Confraría de Pescadores do Pindo (Concello de Carnota) para distribuirnos, coa previsión de comezar o ascenso non máis tarde das 10 da mañá. O descenso emprenderíase a primeira hora da tardiña.

Rógase que quen teña interese en participar considere os seguintes aspectos:
  • Aconséllase levar un calzado cómodo e seguro, asi como roupa moi abrigosa, pois aínda que a probabilidade de precipitacións é mínima, prevense temperaturas algo baixas.
  • Almorzaremos no alto do Monte Pindo, polo que cada quen debe levar o seu xantar e bebida.
  • Se ben este roteiro é pouco dificultoso e non dura aló dunha hora, cada quen debe ser consciente das súas propias limitacións personais.
Se desexas participar só tes que escribirnos a info@montepindo.org uu anotarte en Facebook.