20/09/13

O carballo anano está arrasado e a sociedade disposta a devolverlle a vida ao Monte Pindo

A bandeira verde converteuse xa no símbolo desta loita
Mentres a Xunta de Galicia segue insistindo na súa fuxida cara adiante e repetindo o absurdo mantra de que o monte estaría igual con protección, o movemento social que leva 3 anos pedindo a súa defensa está traballando a pleno rendemento de
cara a devolver o verde ao Monte Pindo, e tamén para esixirlle ás administracións competentes que fagan nin máis nin menos que o que se espera delas. Mentras tanto centos de persoas puxéronse xa á enteira disposición da Asociación Monte Pindo Parque Natural para axudar a recuperar o espazo natural destruído.

Unha maré verde solidaria conquistará o Olimpo Celta
Cartel da marcha do 28
O sábado 28 de outubro unha auténtica marea solidaria subirá ás 11 da mañá ao Olimpo Celta. Centos de mensaxes e chamadas indican que a sociedade estase a mobilizar masivamente, e o evento xa foi rebautizado popularmente como marcha verde polo Monte Pindo, pois esa cor converteuse xa no símbolo da desesperación e a impotencia pola catástrofe que vivimos, pero tamén da solidariedade e da esperanza por un futuro mellor para o Olimpo Celta.

Chamamos a toda a sociedade a traer bandeiras, prendas ou lazos desa cor para devolverlle simbolicamente a vida ao Monte Pindo nunha expresión de dignidade e de rabia contra os lumes que de a volta ao mundo. Ao mesmo tempo, as 11, unha marcha ciclista verde partirá desde Compostela con rumbo ao Monte Pindo, encabezada por destacados ciclistas da nosa comunidade, que tamén queren expresar a súa solidariedade. Finalmente o movemento social contra os lumes e por un medio ambiente máis coidado, rendible e protexido confluirá o 6 de outubro nunha grande Manifestación en Compostela que xa están a secundar ducias de colectivos de todo tipo, polo que se agarda igualmente masiva.

Actuacións necesarias e urxentes para evitar outra catástrofe inminente
Os regatos xa acumulan cinzas
O Monte Pindo precisa de axuda urxente para sobrevivir. E cremos que quen debe facelo é a administración que nos representa a todos. É por iso que a nosa Asociación vai solicitar unha reunión de urxencia co Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, para reclamarlle que en desenvolvemento das súas competencias, e dado que conta co personal e os recursos necesarios para facelo, pase das palabras aos feitos e adopte cando menos as seguintes actuacións de emerxencia que -por unha vez- nos permita anticiparnos á catástrofe inminente, a do arrastre de cinzas e a erosión total do terreo:
  • Restauración hidrolóxico forestal do Monte Pindo que evite a erosión e o arrastre das cinzas, que é a maior ameaza inmediata.
  • Hidrosembra de herbáceos autóctonos de crecemento rápido (p. ex. trigo e centeo) no perímetro do espazo natural.
  • Establecemento de barreiras vexetais para a contención de escorrentías nas ladeiras máis sensíbeis, que se poden elaborar facilmente tumbando as árbores calcinadas a contrapendente, deitando balas de palla, etc.
  • Estabilización da superficie do solo mediante aplicación dunha capa de palla que reteña as cinzas e evite a erosión.
  • Declaración de zona catastrófica e dotación dos recursos necesarios para paliar os danos sufridos polos veciños nas súas casas e propiedades, asi como aos colectivos que tiñan na zona proxectos de agricultura e apicultura ecolóxica.
Restos dunha alvariza tradicional
Se cando menos todo isto se fai de inmediato, cando cheguen as choivas evitaremos unha nova catástrofe. Todo o sector sabe exactamente o que hai que facer nesta situación, que é saír dos despachos, deixarse de inventar o que está inventado e actuar desde xa no campo. Pero polo momento o unico que vimos foi declaracións, declaracións e máis declaracións. Atendendo as elas, os técnicos da Xunta "xa están a traballar" no asunto. Porén, membros da nosa Asociación levan días percorrendo cada recuncho do Monte Pindo e os únicos técnicos que se viron na zona son aqueles que nos acompañaban.

O carballo anano, en perigo crítico de desaparición
Carballo anano calcinado
As primeiras conclusións sobre o terreo das consecuencias ecolóxicas déixannos cun panorama moito peor do esperado. O carballo anano (Quercus lusitanica, especie vulnerábel) foi destruido case por completo. O mesmo equipo que catalogara hai uns anos a especie e logrou que se catalogara coma vulnerábel acompañáronnos novamente ao lugar e desgrazadamente certificaron a destrución do 99% da poboación do carballo anano, mentras que no caso do 1% restante algunhas partes da planta non se queimaron; haberá que esperar á primavera para certificar a supervivencia, ou ben a defunción, desta especie no Monte Pindo. Debemos aclarar que estes días teñense sucedido numerosas noticias referidas á suposta boa saúde do carballo anano; isto débese á confusión moi común con exemplares xuvenís de carballo do país e rebolo distribuidos por todo o monte, mentras que o rarísimo carballo anano só ocupa unha área mínima e aillada.

Para o Iris boissieri, en risco crítico de extinción a nivel mundial e que descubriramos pouco antes do lume despois de anos sen localizalo, haberá que esperar uns meses máis, e o seu futuro depende da profundidade á que se atopan os seus bulbos.

Xil Caamaño, presidente da AMPPN,
co biólogo Martiño-Fiz Lindoso
O hábitat do Eryngium duriaei subsp. juressianum ao norte da cova da Casa da Xoana, foi igualmente arrasado ao 100% asi que tamén se teme por esta especie en perigo de extinción.

En definitiva, farán falta anos para certificar o estado cando menos das 646 especies que o Grupo de Bioloxía da Asociación Monte Pindo Parque Natural xa tiña catalogadas no espazo natural a consecuencia da elaboración do Catálogo de Especies, cuxa nova web se ía presentar na semana do desastre. Desas especies, un cento contaban con algún nivel de protección. Farán falta meses ou anos para facernos unha idea global do que foi de todas elas.

17/09/13

A Xunta fuxe cara adiante dunha catástrofe que podería terse paliado se escoitara á sociedade

A destrución do Monte Pindo
 vista desde o satélite
O concello de Carnota vén de perder en menos dunha semana preto de 2.400 hectáreas de espazo natural protexido, segundo cifras oficiais, o que o converteu na maior catástrofe ecolóxica do ano. Estes días unha auténtica maré humana de centos de miles de persoas de todo o mundo achegáronse por distintas canles á Asociación Monte Pindo Parque Natural para recibiren información da traxedia e transmitirnos a súa conmoción, carraxe e solidariedade pola destrución dun espazo natural emblemático, o monte sacro galego. Por iso agárdanse respostas masivas tanto á "marcha verde" do 28 de setembro como á manifestación do 6 de outubro en Compostela.

O antes e despois da traxedia
1ª imaxe: Xurxo Dorrego. Resto: Santi Llecha
As primeiras valoracións sobre o campo son completamente desoladoras. Hoxe o Olimpo Celta é unha vasta extensión de cinzas con algo de verde cor da esperanza ben agromando nos humidais e brañas, zonas protexidas polos restos arqueolóxicos ou nas copas das árbores que aínda non tiveron tempo a secar, percorridas insistentemente polas últimas aves que aínda se resisten a abandonar o seu lar. O temor é que ante as primeiras choivas torrenciais de outono, poidan producirse escorrentías de lodos altamente contaminantes que puideran arribar aos lugares da contorna e mesmo ao río Xallas ou á Ría.

Durante este pesadelo que cada vez parece máis real, a sociedade civil deu mostra dun inmenso afecto pola natureza estreitamente unida ao desafecto pola decisión administrativa de negarlle deliberadamente á cidadanía a protección e a prevención que durante 3 anos lle viña esixindo por activa e pasiva á Xunta, principalmente mediante a declaración dun Parque Natural que foi reclamado por moitísimas entidades de todo tipo, investigadores, científicos e milleiros de apoios a título individual.

A Xunta enrócase nunha fuxida cara adiante para non recoñecer o grave erro que cometeu ao ignorar a sociedade
No mítico Penafiel que embelesou ao Padre Sarmiento
houbo un castelo medieval e atopáronse restos romanos
Lonxe de demostrar a máis mínima sensibilidade ou humildade ante o acontecido, e xa non digamos vontade de rectificar, a Xunta de Galicia emitiu onte a través do seu vicepresidente unhas declaracións que non poderían ser máis inapropiadas nos duros momentos que vive a veciñanza. Alfonso Rueda asegurou nunha polémica rolda de prensa que "O Pindo non estaría más protexido se fose parque natural", demostrando o seu completo descoñecemento da situación e de que neste tempo a protección e a prevención foi nula, pois non se destinou a ela un só euro ou iniciativa. Seguidamente, Rueda cargou as culpas no autor material do desastre, esquecendo deliberadamente as palabras do seu superior directo, Alberto Núñez Feijóo, cando este dicía sobre a vaga de lumes que devastou o país no 2006: "Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irresponsabilidade do goberno?". Por último recoñeceu que a Xunta nin sequera ten considerado aínda a petición de declarar a área devastada coma zona catastrófica para paliar os danos ás propiedades e actuar urxentemente para evitar as escorrentías de lodos contaminantes cando cheguen as primeiras choivas, unha petición compartida desde o Concello de Carnota, os veciños afectados, os produtores e comunidades de montes locais, a Asociación Monte Pindo Parque Natural e os colectivos ecoloxistas.

O lume ameaza fogares do Pindo
As gravísimas declaracións do segundo máximo dirixente da Xunta ante o cadáver aínda quente e fumeante do Olimpo Celta son de tal de insolencia que supoñen unha auténtica falta de respecto a toda a cidadanía que amamos o monte e loitamos por telo coidado e protexido, dedicándolle durante anos imaxinación, tempo libre e esforzo de xeito totalmente altruista, cando ninguén máis o facía. Dez anos despois da creación do último parque natural galego, a Xunta fuxe cara adiante para evitar ter que recoñecer o grave e neglixente erro de ignorar o movemento social a favor da protección do Monte Pindo reafirmando o compromiso da Xunta coa Rede Natura 2000, que cada día fica máis reducida a unha figura de papel.

Sen embargo agora a Xunta non di que vén repartindo entre os 6 parques naturais galegos arredor de entre 2 e 2,2 millóns de euros anuais, aparte das axudas e subvencións puntuais a proxectos de particulares, empresas, entidades e institucións radicadas na área de influencia dos parques naturais. O último programa de axudas, publicado hai só un mes, contempla unha dotación do 100% ata un máximo de 12.000 euros por proxecto, 70.000 no caso dos concellos. Calquera suma, en comparación co cero rotundo de investimentos e proxectos que recibiu o monte ata a actualidade, deixaríao en mellores condicións para afrontar un lume.

Canto se gastou en extinción?
Só os medios aéreos son realmente
efectivos no macizo granítico
A Xunta aínda non aclarou cantos cartos supuxo a extinción do incendio carnotán ao conxunto dos galegos, se ben como mostra sofocar un incendio declarado a principios desde verán entre Boiro e Lousame, que arrasou menos da quinta parte do consumido no Monte Pindo, custou segundo arredor de 4 millóns de euros e mobilizou oito helicópteros, seis avións, 18 brigadas, dez motobombas e tres palas.


Fonte: Aula de Silvicultura da Uvigo
No Monte Pindo foi preciso mobilizar 112 brigadas, 68 axentes forestais, dous técnicos e abondosas unidades militares, co apoio terrestre de 60 motobombas e una pala, ademais de dezaseis helicópteros e oito avións. Todo iso foi inútil para salvar sequera un mínimo fragmento do espazo natural protexido ou sequera para evitar que as lapas puxeran en perigo as propiedades e as vidas da nosa veciñanza. Só cando non quedaba nada por arder e comezou a orballar a mediatarde do sábado puido darse o incendio por controlado.

Na Asociación Monte Pindo Parque Natural estamos convencidos de que a prevención que levamos 3 anos esixindo da administración, e que se nos negou coa excusa de que era demasiado custoso, custaría infinitamente menos do que custaron unhas labores de extinción que, insistimos, non serviron para controlar o lume a tempo.

A área de Medio Ambiente da Xunta atópase descabezada
Chamou a atención de todos que Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, e responsábel máximo da declaración do Monte Pindo como parque natural, non compareceu desde que as 21:36 horas do 11 de setembro se declarara un terríbel incendio forestal nun espazo natural que personalmente se comprometera a defender e protexer só un ano antes. Nin sequera se deixou caer por Carnota para facerse a clásica foto oficial a carón dos afectados.


Pero peor aínda andan as cousas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. O ata agosto director xeral, Ricardo García-Borregón, marchou pola porta de atrás alegando motivos personais, aínda que fontes do seu departamento admitiron que non daba lidiado coa conflitividade desatada na súa área, froito da súa polémica xestión. Desde aquela a persoa designada para substituila, Verónica Tellado Barcia, atópase de baixa, polo que a efectos prácticos ninguén dirixe hoxe a área da Xunta dedicada en exclusiva á ordenación dos espazos naturais galegos. Esta desarticulación práctica da área explica que a nosa entidade leve desde decembro de 2012 agardando data para unha cita coa persoa responsábel desta área, precisamente para avanzar no compromiso verbal da Xunta de declarar o Monte Pindo como Parque Natural.

Medra o apoio social á declaración do Parque Natural
Veciñas do Pindo ante un cartel da
marcha verde do 28 de setembro
No medio deste contexto convulso, o tecido social galego e estatal non fica quedo e reforza o seu compromiso co noso medio natural. Nos últimos días temos recibido miles de mensaxes de apoio e incluso de postas a disposición para colaborar voluntariamente coa recuperación do monte, ademais de multitude de novos apoios que reforzan a loita do Monte Pindo e anímanos a traballar con máis enerxías aínda pola súa recuperación e por un cambio radical das políticas forestais e da xestión dos espazos naturais galegos. A estes numerosos apoios colectivos temos agora que sumar o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) - Instituto de Investigaciones Agrobiológicas, a Sociedade Antropolóxica Galega, a Mancomunidade de Montes de Vigo, o Comité de Defensa do Monte Galego, a plataforma deportiva SurfGZ.com, o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, a Fundación Alexandre Bóveda, a Asociación de Veciños Oza - Gaiteira - Os Castros da Coruña, o Ilustre Colexio de Veterinarios da Provincia da Coruña, a Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia, a Plataforma en Defensa de Cabana de Bergantiños, o Club de Montaña Ratos Libres (Arzúa), a Asociación de afectados polo parque eólico Outes - Mazaricos (APEOM) ou a Red de Montañas, entre outras.

13/09/13

Roteiro reivindicativo "do negro ao verde" polo Monte Pindo

Cartel da marcha verde
O sábado 28 de setembro de 2013, tres "marchas verdes" partirán simultáneamente ás 11:00 horas desde a Praza da Solaina (O Pindo, Carnota), e o Supermercado As Cruces (Caldebarcos, Carnota) conremate no lugar de San Cibrán.
O roteiro durará aproximadamente unha hora e media, a dificultade será baixa e estimamos que a actividade remate ás 13:00 horas polo que non será necesario traer comida.
Traede calquera elemento (roupa, paraugas, lazos, bandeiras) de cor verde para devolvermos entre todos a vida a onde hoxe só hai morte, cinzas e desolación.
Esta convocatoria sufriu algunhas modificacións sobre a súa previsión inicial, que se explican aqui.

12/09/13

Comunicado público da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural


A Asociación Monte Pindo Parque Natural, reunida en Comisión Rectora de urxencia hoxe, día 12/09/13, comparece publicamente ante a sociedade galega para trasladar as seguintes reflexións:

  1. Ás 21:36 horas de onte, 11 de setembro de 2013, declarouse un incendio na Cima de Arca que ao cabo duns minutos as autoridades locais e os medios de extinción xa anticipaban que sería imparábel, e as consecuencias catastróficas. En efecto, á hora de emisión deste comunicado, arderon xa 1.600 hectáreas segundo cifras oficiais, o que supón a práctica totalidade do macizo granítico e parte das marismas de Carnota.
  2. Ademais o incendio ameazou durante horas os domicilios e as vidas de moitos dos nosos veciños e veciñas.
  3. O feito de que se prendera nun sitio de dificil acceso, xusto á hora en que deixan de ser efectivos os medios de extinción aéreos, e aproveitando un vento fortísimo de nordés, aclara non so a intencionalidade do incendio senón que se trata dun atentado ecolóxico co obxectivo claro de destruir por completo o Monte Pindo como finalmente aconteceu.
  4. Este atentado e as súas brutais consecuencias non sería posibel unicamente pola intencionalidade dunha ou varias persoas, senón que foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais: a meteoroloxía adversa e a carencia máis absoluta de medidas de prevención, sendo esta última unha causa totalmente subsanábel.
  5. En setembro de 2010, hai agora exactamente 3 anos, xurdía un movemento social para declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, pois é a única figura que obriga legalmente a comprometer un investimento real e anual, crear unha rectora coa participación de todos os interesados e incluso un corpo de vixiancia do monte. Os partidarios desta iniciativa aglutináronse en torno á Asociación Monte Pindo Parque Natural, un colectivo nacido para ese fin por vontade de veciños de Carnota sensibilizados coa problemática específica do Monte Pindo, que rapidamente aglutinou no concello, na comarca, en Galiza e en todo o mundo o apoio de centos de entidades sociais de todo tipo, milleiros de persoas a título individual e ducias de científicos, investigadores e profesores universitarios.
  6. Desde o nacemento de dita plataforma a Xunta de Galicia, e nomeadamente a área de goberno responsábel da declaración de Parque Natural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente dirixida por Agustín Hernández Fernández de Rojas, non atendiu en ningún momento esta demanda alegando que o Monte Pindo xa estaba suficientemente protexido baixo a figura de Rede Natura 2000, e incluso que desde as distintas administracións se tiñan destinando ata 360 mil euros nese período 2010-2013 para actuacións no Monte Pindo, dos cales non coñecemos a que se destinou un só euro se é que se gastou. O que é certo é a falta de base e argumentos desta negativa, que primeiro aludía á pouca superficie do espazo a protexer (a pesar de que sería o 5º parque galego en extensión), para logo argumentar que o custe da declaración sería excesivo, etc.
  7. Nos últimos anos a Xunta vén distribuindo anualmente entre 2 e 2,2 millóns de euros a repartir entre os seis parques naturais existentes en Galiza. Cunha ínfima parte destes podería terse creado e activado a pleno rendemento o Parque Natural do Monte Pindo, e calculamos que coas actuacións que poderían terse levado a cabo en todo este tempo serían máis que suficientes para minimizar agora os efectos dun incendio coma este, e evitar uns custos en extinción que consideramos moito maior que o gasto de crear o espazo natural protexido que viñamos solicitando.
  8. Vivimos varios avisos tanto no ano 2012, cun incendio pequeno no entorno do encoro de Santa Uxía, como hai tan só unha semana na zona de Arcos (Mazaricos), en ambos casos a rápida acción dos contraincendios e as mellores condicións meteorolóxicos fixo posíbel detelos antes de que afectara gravemente ao espazo natural do Monte Pindo. Porén, supuxeron 2 avisos importantes do extremo risco existente, e asi llos transmitimos tanto ás Administracións coma á opinión pública. Nada se fixo ao respecto.
  9. No ano 2005 houbo no Monte Pindo un incendio gravísimo que arrasou aproximadamente 550 hectáreas, a terceira parte do que se leva arrasado a esta hora. Pouco despois, sendo lider da oposición no Parlamento de Galicia Alberto Núñez Feijóo (PP) declarou publicamente o seguinte “Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno?”. Tamén dixo que “É probábel que as condicións meteorolóxicas sexan peores, e é certo que non é doado apagar o lume, pero en situacións coma esta é na que se mide a eficacia dos gobernos”.

En vista de todo o anterior, entendemos que o gravisimo alcance da catástrofe vivida onte e hoxe no Concello de Carnota tamén ten as súas causas fondamente enraizadas no factor humano, concretadas no desleixo e falta de preocupación dos nosos representantes políticos nas cuestións do seu ámbito de incumbencia, como asumía o propio Feijóo no ano 2006, e que son as que levaron á destrución total do Monte Pindo.

Polo dito, a Asociación Monte Pindo Parque Natural ESIXE:

  • A declaración inmediata do Monte Pindo como Parque Natural.
  • A declaración do Concello de Carnota coma zona catastrófica.
  • A dimisión de Agustín Hernández Fernández de Rojas, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, por ser o máximo responsábel da consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galiza.
  • A dimisión de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, por ser a máxima responsábel da consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos.

Ademais, a Asociación Monte Pindo Parque Natural COMUNICA:

  • Convocamos un Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o día sábado 28 de setembro de 2013, con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos).
  • Chamamos a toda a cidadanía galega e as organizacións sociais a concurrir nunha gran Manifestación Nacional, propoñendo como data o domingo día 6 de outubro de 2013, ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela, con obxecto de esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos.

Agradecemos o esforzo obstinado dos medios contraincendios por minimizar esta catástrofe poñendo incluso en risco as súas vidas para facer todo o posíbel por salvar o espazo natural e os domicilios da nosa veciñanza, e lamentamos todos os danos materiais que esta traxedia ten ocasionado.

Ante a unanimidade dos presentes, asinamos no lugar do Pindo (Carnota) o 12 de setembro de 2013 sendo as 18:00 horas.
Subscrito adicionalmente por Ramón Noceda Caamaño, alcalde-presidente do Concello de Carnota
Subscrito adicionalmente pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Caldebarcos

05/09/13

Un incendio arrasou onte 65 hectáreas nas proximidades do Monte Pindo

Durante varias horas de onte, 4 de setembro, a atención de todos estivo posta no lugar de Arcos (Mazaricos) onde un incendio se extendía descontrolado pola zona e ameazaba con alcanzar o espazo natural protexido do Monte Pindo se non conseguía pórselle freo rápido.

Foi un membro da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Jorge Pérez, o que avisou ao distrito do que aínda era unha pequena columna de fume na zona arredor das 12 da mañán. Dase a circunstancia de que Jorge está empregado nestes momentos como xefe de brigada, polo que puidemos contar cun informante de excepción que se ocupou tamén das moitas chamadas dos medios de comunicación de todo o estado que fixeron deste asunto portada das súas edicións dixitais pola tarde, demostrando o enorme interese que calquera incidencia relacionada co Monte Pindo subscita.

En pouco tempo extendeuse polo monte raso chegando a calcinar 65 hectáreas, e o despregue de efectivos posibilitou que ao fío das 22 horas os esforzos das brigadas xa se concentraran en refrescar o perímetro. A afectación foi mínima en comparación coas 600 hectáreas arrasadas no 2005, pero queremos convidar a unha reflexión. Nesta ocasión a alarma deuse rápido, o lume comezou nunha zona de matogueira sen arborado a carón do maior acuífero da zona (o embalse de Santa Uxía), durante unha certa tregua dos fortisimos ventos que azotaron a nosa bisbarra nas últimas semanas. A pesar de todos os esforzos dos profesionais, e de contarmos cun despregue de efectivos moi semellante ao dos momentos álxidos no ano 2005, todo isto non puido evitar a desaparición de 65 hectáreas durante 10 horas. Que pasaría noutras condicións menos benevolentes, logo?

A Asociación Monte Pindo Parque Natural quere lembrar que este xa é o segundo susto vivido na zona en dous anos, pois o ano pasado o lume prendera no Petón das Bouzas. Lamentabelmente no que se refire a protección do Monte Pindo absolutamente nada cambiou en case 10 anos, nin sequera despois de que en 2005 ardera na súa práctica totalidade. O que si cambiou é que agora temos unha organización social concenciada coas súas problemáticas que vai loitar por ver este espazo convertido no primeiro Parque Natural da Costa da Morte nesta lexislatura, caia quen caia.

Por último, queremos aproveitar a ocasión para preguntarlle á Xunta de Galicia e a Administración central polo destino dos 110.000 e 250.000 euros que -respectivamente- aseguraron en 2010 que investiran no Monte Pindo. Desde logo en puntos de auga, mellora de accesos, sinalización, retirada de madeira queimada do incendio do 2005 e repoboacións non foi, porque todo iso temos que facelo nós. Mira que debe ser difícil gastar 360.000 euros nun monte sen que absolutamente ninguén note nada, cando nós levamos 3 anos facendo roteiros, recuperando camiños case esquecidos e espazos degradados, facendo divulgación e investigación científica e natural... sen gastar nin un patacón das arcas públicas. É máis, levamos dous anos pedindo axudas para crear un verdadeiro Centro de Interpretación do Monte Pindo, e ata hoxe déronnos... nada. Será que teñen medo a que a xente vexa o que nós podemos conseguir cuns poucos miles de euros, e se pregunte onde están os 360.000 que din gastar no mesmo sitio?

19/08/13

O Catálogo de Especies do Monte Pindo medra ata as 630 especies, 32 delas invasoras

O Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP) serviunos xa para identificar xa a día de hoxe e en poucos meses un total de 630 (e subindo) especies de flora, fauna e fungos radicadas no monte sacro e o seu entorno inmediato, que calquera pode consultar na versión resumida (nome científico, nome común e estado de conservación de cada especie) que colgamos en Internet cunha licenza Creative Commons.

A iniciativa desenvolvida polo Grupo de Bioloxía da nosa Asociación subscitou moito interese social e mediático nos últimos días e tamén por parte da Xunta, que nos felicitou por unha iniciativa que lles sorprendeu moito porque, segundo nos comentaron, nunca antes se fixera nada parecido, nin sequera nos parques naturais existentes e que reciben millóns de euros para o seu funcionamento. A aceptación foi tal que habilitamos un formulario web para propoñer directamente a inclusión de novas especies no Catálogo (que loxicamente serán antes avaliadas polo Grupo de Bioloxía), e xa hai quen nos está a pedir que o editemos en formato papel.

Incluso podemos adiantar que estamos desenvolvendo unha versión do Catálogo de Especies do Monte Pindo en formato aplicación para móbiles que calqueira poida descargar no seu teléfono, aproveitando asi o poder das novas tecnoloxías para que todas as persoas interesadas nas prantas, animais ou fungos... poidan identificar durante as súas visitas as especies que van atopando, e ao mesmo tempo que esa mesma acción nos sirva á Asociación para ampliar e actualizar o Catálogo. Axiña esperamos poder dar máis detalles desta aplicación.

32 especies alleas detectadas no Monte Pindo e no seu entorno
Pola parte negativa, o Catálogo de Especies do Monte Pindo tamén nos confirmou moi malas noticias no que se refire ás especies que non deberían estar no Monte Pindo e no seu entorno por seren perxudiciais para a vida autóctona do Olimpo Celta ou por seren exóticas cultivadas ou asilvestradas que, en definitiva, non pintan absolutamente nada nesta zona. No CEMP estas especies alóctonas están subliñadas en violeta.

A Xunta de Galicia considera invasoras aquelas especies que supoñen un perigo para a diversidade biolóxica orixinal, é dicir, cando constitúe un factor que ameaza os ecosistemas orixinais e a supervivencia das especies autóctonas contidas neles. É dicir, nin sequera considera que todas as plantas exóticas sexan invasoras, só aquelas que ameazan a biodiversidade do monte. Por iso publicamos a seguinte lista de especies a erradicar do Monte Pindo, pois aínda que moitas parezan fráxiles e mesmo fermosas a súa mera existencia aqui poden supoñer un problema importante para a vida natural.

Acacia dealbata (Acacia)
A acacia, mimosa ou australia, é unha árbore caducifolia que alcanza os 20 metros de altura. Polo ton amarelo brillante das súas flores en forma de acio chama moito a atención nos nosos montes, nos que se atopa naturalizada desde -cando menos- 1945. Procede do sueste de Australia e de Tasmania e ademais de ter unha alta capacidade de reprodución e substitución da cuberta vexetal autóctona, é pirófita: os incendios axúdanlle a espallarse moi rapidamente. Polos motivos anteriores o tratamento mecánico é inefectivo se non se realiza un posterior seguemento exhaustivo dos rebrotes. Máis posibilidades ofrece o control químico, e estanse ensaiando formas de control biolóxico con avésporas, fungos e gurgullos.
Actualización a 19/08/13: Non figuraba nesta lista e incluímos a Acacia melanoxylon ou Acacia negra a proposta dun membro do Grupo de Bioloxía.

Amaranthus retroflexus (Bledo)
Esta mala herba é moi común nos prados, areais e cultivos, provocando importantes perdas económicas. Descoñécese cando puido ser introducida en Galiza, probabelmente de xeito accidental ao cultivar especies americanas hai máis de dous séculos. Provén de América do Norte (centro e leste dos Estados Unidos e Canadá). O control mecánico é bastante efectivo, incluso mediante sega.

Arctotheca calendula (Arctotheca)
Esta flor amarela procedente de Sudáfrica (rexión do Cabo) chegou a Galiza coma flor ornamental hai máis de cen anos e tende a espallarse rapidamente polos areais costeiros pola acción do vento e os animais, substituindo a flora autóctona e resultando especialmente dañina nos hábitats dunares. A estas alturas é unha praga mundial. O xeito máis efectivo de tratala é eliminala manualmente con ferramentas de cultivo.

Arundo donax (Cana, xunco xigante, falso bambú)
Outra praga mundial con alcance no Monte Pindo é a da cana, procedente do sur de Asia (a partir da India ata Tailandia), desde moi antigo. Propágase mediante a dispersión de fragmentos do rizoma na auga, que axiña prenden noutros lugares. Por iso aparece normalmente asociada a cursos de auga. Segundo a UICN, está entre as 100 especies invasoras máis perigosas no mundo. A súa eliminación é extremadamente dificil, ben por medios mecánicos, químicos ou biolóxicos.

Aster squamatus
Esta pranta herbácea que pode alcanzar o metro de altura é orixinaria de Sudamérica e do sureste de Norteamérica e está considerada unha praga en todo o mundo. Aínda non está plenamente definido o seu efecto invasor e a Xunta aínda non a considera coma tal, se ben xa ocupa amplas superficies o que fai moi difícil en calquera caso a súa eliminación.

Bacopa monnieri (Bacopa anana)
En 1906 citouse por vez primeira en Galiza a presenza desta especie tropical. Según algúns autores é nativa do sur dos Estados Unidos e Centroamérica, mentras que outros sinalan a súa procedencia (posibelmente accidental) doutras zonas tropicais de África ou Asia. Presente en ambientes costeiros con moita humidade, como marxes de acantilados, e nas lagoas costeiras coma Corrubedo, Louro ou Caldebarcos, onde resulta especialmente perigosa ao tapizar longas extensións da lámina de auga eliminando as especies nativas. A súa eliminación é moi difícil polo tipo de medio onde se asenta, complicando a extracción manual e o tratamento con axentes químicos que poden contaminar a auga.

Bidens aurea (Te de horta)
Outra especie americana, concretamente do sur dos Estados Unidos, toma os nosos montes usando os animais para espallarse desde hai cando menos 30 anos. Conta con certas propiedades medicinais que puideron ser clave na súa introdución, aínda que puido ser accidental. Tende a formar poboacións moi abundantes que impiden o desenvolvemento doutras especies. É factíbel a súa eliminación por medios mecánicos (arrincado ou sega) e químicos.

Calendula officinalis (Botón de ouro)
De orixe incerta pero cultivada desde antigo, en Inglaterra coñécese a partir do século XII. Esta flor laranxa usase moito en xardinería, de onde escapa con facilidade sendo común en cunetas e zonas alteradas e prados dalgunhas zonas galegas. Non se considera unha especie especialmente perigosa.

Carpobrotus edulis (Uña de gato)
Unha das maiores pragas do noso país é a coñecidísima uña de gato, unha pranta de flores rosa intenso e follas moi carnosas. As vistosidade da flor foi a causante de que as propias administracións promoveran a súa semente en proxectos na costa, onde ao pouco tempo forma un tapiz ininterrompido que aniquila a competencia. Foi plantada masivamente por Costas na duna da praia do Ézaro hai uns anos, e malia que xa foi retirada compre pular pola súa erradicación completa, que se pode facer con arrincado manual coidando de extraer a totalidade da pranta.

Chenopodium ambrosioides
Nativa da América tropical, esta é a típica especie que se pode ver en calquera cuneta e nas marxes de cultivos húmidos na costa. Propágase por semente e non está considerada unha especie demasiado perigosa para os hábitats naturais.

Conyza canadensis (Eixerón)
Esta invasora moi abundante é coñecida en Europa desde o século XVI, procede de América do Norte e aprovéitase dos chans degradados, podendo atoparse doadamente nos chans espidos. É perigosa nos chans de cultivo. É moi fácil a eliminación por medios mecánicos, pois o arrincado ou a sega é 100% efectivo.

Coronopus didymus
Esta especie rastreira ocupa chans degradados especialmente na costa e nos ambientes urbanos e humanizados desde moi antigo; isto que fai que non se considere especialmente perigosa.

Cortaderia selloana (Herba da Pampa)
A perigosísima ameaza do plumón ou herba da Pampa, tan común nas autopistas e que invade e aniquila todo canto se poña por diante, chegou ao Monte Pindo por man do Concello de Mazaricos que tivo a mala idea de plantala de xeito ornamental na área recreativa do Fieiro hai uns anos, e malia que xa lle esiximos por escrito o 29 de outubro de 2012 a súa inmediata retirada, aínda non moveu ficha polo que é a nosa Asociación a que se ocupa periodicamente de chapodala a golpe de machete, impedindo polo menos no inmediato que chegue a espallarse ao monte, o que pode acabar en desastre. A súa extrema resistencia e capacidade de reproducirse masivamente a longas distancias polas lixeiras sementes que producen as súas plumas fai extremadamente dificil a súa erradicación, que só pode facerse por medios mecánicos (extracción de raíz) e control exhaustivo do seu rebrote.

Cotula coronopifolia (Santalina de auga)
Detrás da bela flor amarela e semiesférica desta pranta de marisma agóchase unha seria ameaza para a flora autóctona galega desde finais do século XIX, a onde chegou procedente da rexíon do Cabo en Sudáfrica, posibelmente de xeito accidental. Altera as marismas competindo polos nutrintes coas plantas autóctonas, ata vencelas por completo estabelecendo comunidades monoespecíficas.

Crocosmia x crocosmiflora (Crocosmia)
Este híbrido obtívose artificialmente en Francia en 1880 mediante o cruce de dúas especies sudafricanas con fins ornamentais que se manteñen ata hoxe en día na xardinería, pero que pode espallarse e asilvestrarse. A súa presenza en Galiza é relativamente recente, pero xa está moi extendido pola costa e con tendencia crecente ao ser unha das especies da lista máis difíciles de controlar, apenas subsceptibel a medios químicos nin mecánicos.

Cyperus eragrostis (Juncia olorosa)
Desde a América central e subtropical chegou accidentalmente a Galiza esta mala herba común nos cultivos, e xa está espallada polo medio natural húmido de sotobosque e chans encharcados. Resulta difícil a súa eliminación (igual que a maioría das malas herbas do seu xénero) exceptuando o arrincado un a un cun sacho específico de tres puntas, con coidado de non deixar ningún fragmento na terra pois sérvelle para rexenerarse. Os axentes químicos son inefectivos. De feito estanse a probar a nivel mundial métodos de control biolóxico mediante o uso do fungo patóxeno Dactylaria higginsii.

Datura stramonium (Estramonio)
A súa cápsula espiñenta fai inconfundíbel a esta planta velenosa de orixe americana que se desenvolve facilmente en chans húmidos e como mala herba nos cultivos. Tense empregado con fins medicinais e mesmo coma alucinóxeno, pero o consumo -mesmo en pequenas cantidades- de calquera das súas partes pode ser letal.

Dittrichia viscosa (Olivarda)
Ata 1,5 metros pode medir esta pranta tipicamente viaria, aínda que a súa presenza non é demasiado abundante en Galiza si existe no entorno do Monte Pindo. Os poucos datos que existen sobre a súa procedencia ou introdución fai que esté en discusión se é exótica ou nativa.

Eleusine tristachya
Esta gramínea exótica é natural de América do Sur e en Galiza está presente nas inmediacións do Monte Pindo, na Illa de Arousa e en Bueu, non sendo expecialmente perigosa para a biodiversidade.

Eschscholzia californica
Esta pranta provén de Norteamérica e ten unha flor moi vistosa amarela e laranxa. Considérase moi agresiva pois tende a conformar sociedades monoespecíficas en espazos naturais, substituindo a flora autóctona en amplos mantos. Non hai demasiadas citas delas en Galiza, pero si existe no entorno do Olimpo Celta.

Eucalyptus globulus (Eucalipto azul)
O seu medre rápido, a súa reprodución desbocada e o seu interese como madeira barata para pasta de papel provocou que o eucalipto, procedente de Australia, xa esté presente masivamente en todo o noso monte de onde despraza inxentes masas forestais autóctonas, ben dunha soa vez e por acción humana, ben progresivamente dada a súa facilidade para extenderse, a súa tendencia a secar o chan do seu entorno limitando a competencia doutras especies que precisan de máis humidade e a súa vocación pirófita, é dicir, que se aproveita dos incendios para extenderse. O lobby madeireiro presionou durante moitos anos para impoñer o seu monocultivo, e aínda que a conciencia social coa súa problemática ten incrementado, a administración autonómica  nin sequera a inclúe a día de hoxe no seu listado de especies invasoras aínda que ten admitido que é unha "praga de danos irreversíbeis".

Gamochaeta spicata
Esta especie relativamente común en espazos humanizados provén de América do Sur e está amplamente naturalizada en Coruña e Pontevedra..

Oxalis pes-caprae (Vinagreta, pan de cuco)
Se estivésemos paseando pola rexión do Cabo en Sudáfrica, contemplar esta especie bulbosa suporía unha alegría para a vista. Pero no Monte Pindo supón máis ben un quebradeiro de cabeza pola súa gran capacidade de dispersión e colonización nos pastizais e tamén nos solos costeiros e degradados, a onde puido chegar de xeito accidental (misturada con especies de cultivo) ou ornamental. Para retirala mecanicamente débense extraer os seus bulbos un a un, aínda que os métodos físicos (cubrindo a extensión afectada con plástico) e químicos téñense revelado como efectivos.

Paspalum dilatatum (Pasto mel)
Outra das malas herbas máis comúns nos nosos campos puido deber a súa intodución en Galiza a un accidente ou ben ao seu uso coma forraxe. O caso é que xa está absolutamente espallada por todas partes, aínda que é orixinaria de América do Sur, concretamente de Brasil, Uruguai e Arxentina. O control químico ou mecánico da especie e relativamente sinxelo, aínda que se ve dificultada pola súa gran densidade e a capacidade de reproducirse en pequenos fragmentos que queden na terra.

Pinus radiata (Piñeiro de Monterrei)
Este piñeiro nativo de Norteamérica e México foi utilizado masivamente no Monte Pindo como especie de repoboación durante o franquismo, ata chegar a eliminar a cabra autóctona do Monte Pindo (que se da por extinta) para garantir o éxito da repoboación. Malia que non está considerada oficialmente a día de hoxe especie invasora, non deixa de ser unha especie foránea naturalizada no noso monte e cumpriría o seu reemprazo progresivo por especies autóctonas. Curiosamente a UICN considéraa en perigo de extinción no seu lugar de orixe.

Setaria parviflora
Esta herbácea de orixe norteamericana está hoxe dispersa por toda Galiza e aproveita os chans moi húmidos, podendo adaptarse a marismas. Son malas herbas de cultivo extremadamente difíciles de eliminar pola súa abundancia.

Sporobolus indicus
Esta pranta perenne con orixe da América tropical ten follas planas e talos de ata un metro. Extendeuse como mala herba polos solos areosos alterados coma camiños de Ourense e tamén na costa atlántica galega.

Stenotaphrum secundatum (Grama americana)
Outra especie perigosa que tende a tupir e monopolizar grandes áreas naturais, e está presente en case toda a costa galega. Usouse como céspede de enraizamento e extensión moi rápida por ser resistente ao pisoteo, pénsase que procede da América tropical e subtropical. O seu control limítase practicamente a aplicación de axentes químicos.

Tradescantia fluminensis (Orella de gato)
Desde Brasil e Arxentina chegou a orella de gato, unha pranta herbácea de flor branca moi empregada en xardinería que, ao xeito doutras gramíneas invasoras, escapa do seu cultivo para tupir e monopolizar rapidamente o solo impedindo o desenvolvemento doutras especies. O control mecánico é viábel de non ser polas inmensas extencións que chega a ocupar, o que só deixa os medios químicos para facerlle fronte. Tamén se está a probar un control biolóxico con diferentes insectos para cando menos conseguir reducir a súa biomasa.

Tropaeolum majus (Capuchina, flor de sangue)

A súa flor alaranxada ou vermella intensa, o que lle vale o nome de flor de sangue, é a parte máis rechamante dunha pranta procedente de Perú, Bolivia e Colombia que, unha vez máis, chega coma ornamento de xardín e convértese en praga, sobre todo na costa e nas zonas rurais próximas ás vivendas. Pódese eliminar facilmente a man aínda que pode reabrollar desde os seus anacos, asi que o eliminado ten que ser completo.

Veronica persica
É unha pranta anual de pequeno tamaño de orixe asiática, que se reproduce por semente e que moitos consideran invasora. Aparece en prados e cultivos e non se considera un perigo para hábitats naturais e especies autóctonas.

Vinca difformis (Herba doncela, herba da envexa, vinca)
Esta pranta perenne característica pola súa flor azulada provén do Mediterráneo central e oriental, e aínda que algúns autores aseguran que é autóctona da Península Ibérica, difícil é que o sexa da Galiza. O certo é que leva no noso país cando menos desde 1852, suponse que introducida con fins ornamentais. A extracción mecánica é moi efectiva pero tamén complicada pois hai que retirar todos os estolóns e nódulos da pranta para que non rebrolle. O tratamento químico tamén se revelou como eficaz en varios parques naturais norteamericanos, onde se considera altamente invasora.

Nota: Todas as imaxes incluídas neste artigo proceden da Wikipedia excepto aquelas que na imaxe estabelecen a súa autoría.